Os automóbiles invaden os nosos pobos. En Carballo temos 17.755 vehículos para 31.000 habitantes, o que dificulta a convivencia entre coches e peóns. Que facer, pois? Eliminamos os vehículos? Por suposto que non. Pero temos que evitar que condicionen o espazo público.
Con ese obxectivo, o goberno municipal do BNG de Carballo puxo en marcha nos últimos anos unha serie de medidas encamiñadas a garantir a accesibilidade, diminuír o uso de vehículos privados e conseguir, en definitiva, que a mobilidade prioritaria sexa a peonil.
O acondicionamento de amplas zonas de aparcamento en distintos puntos do casco urbano e a poucos minutos do centro, o Pedibús ou o Metrominuto forman parte dun proxecto estratéxico que aposta polo tráfico calmado, a autonomía infantil e a mobilidade sostible.
Porque cando falamos de mobilidade sostible falamos de ir camiñando á escola, de xogar na rúa, de pasear cos amigos á beira do Anllóns, polo centro do pobo ou polos barrios, de mirar escaparates, de ir ao teatro. Falamos de calidade de vida, de benestar social, de saúde física e ambiental, de comercio, de traballo, de economía local, de transporte, de catro rodas e de dúas. Falamos de seguridade.
Calquera das nosas actividades cotiás están estreitamente relacionadas coa mobilidade, e por iso é tan importante acadar unha convivencia pacífica, conseguir que no espazo público poidan coexistir diferentes usos, tan diferentes como somos os seus usuarios e usuarias. Queremos, en definitiva, que Carballo non só sexa un bo lugar para vivir, senón tamén para convivir: o noso espazo de convivencia.