«É fundamental ter vontade de mellorar o galego que falamos»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Freixeiro Mato estará esta tarde na libraría Brañas Verdes.
Freixeiro Mato estará esta tarde na libraría Brañas Verdes. J. M. CASAL< / span>

Firma, xunto a outros cinco filólogos, o libro que se presenta hoxe en Carballo

24 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A libraría Brañas Verdes, de Carballo, acolle esta tarde (20 horas) a presentación de Modelos de lingua e compromiso (Baía Edicións), un libro editado por Xosé Manuel Sánchez Rei na que outros cinco filólogos reflexionan sobre a importancia da calidade no idioma. Un deles é o carballés Xosé Ramón Freixeiro Mato, que firma o capítulo titulado Lingua oral, calidade da lingua e futuro do galego.

-¿En que medida é importante a calidade dun idioma?

-Precisamente, esa é a cuestión que está no fondo do libro porque os autores consideramos que a calidade do galego é un aspecto fundamental para o seu futuro. Debe ir eliminando as interferencias do castelán e reforzando as súas características propias para que poida subsistir, porque senón o proceso constante de adopción de castrapismos levaríao á súa desaparición.

-¿Isto pode ser contraditorio coa idea de que é importante que a xente fale galego aínda que o fale mal?

-Son conceptos en parte distintos, porque efectivamente esa idea é válida no senso de que o galego precisa gañar novos falantes, aínda que o falen mal. Mesmo se pode dicir que as linguas máis fortes son as que teñen máis falantes que as falan mal, como sucede co inglés, un idioma que moita xente quere aprender; iso é un signo de vitalidade dunha lingua. E que haxa xente que decida aprender galego e falalo, aínda que sexa mal, tampouco é negativo, sempre e cando o faga coa perspectiva de ir mellorando e teña vontade de falalo ben. O problema está naquelas persoas que falamos galego de sempre, pero que temos moitas interferencias do castelán e que polo tanto falamos un galego de baixa calidade, deturpado pola contaminación. O fundamental é ter vontade de mellorar o galego que falamos.

-¿Como se manifesta esa contaminación?

-O problema principal é o léxico, o vocabulario, que está interferido dunha maneira alarmante polo castelán. Hai palabras dese idioma que pasaron con total naturalidade ao galego e que se utilizan, como ?Dios?, ?pueblo?, ?suerte?, aínda que todos sabemos que non son galegas. En segundo lugar, a morfoloxías, como as formacións do plurais tipo ?animales? ou certas formas verbais. E en terceiro lugar a sintaxe, que é un elemento que resistiu moi ben, pero xa comezamos a ver que a colocación dos pronomes está moi afectada polo castelán, tal como demostran en público algúns representantes do mundo da política e mesmo da cultura.

-¿Que se pode facer fronte a isto?

-O primeiro é que haxa conciencia social desta situación, que as persoas galegas sexamos conscientes de que temos un patrimonio propio que é a lingua galega e que a temos que coidar ao igual que facemos co patrimonio histórico ou musical. Mesmo no ámbito da filoloxía galega hai pouca ou ningunha conciencia sobre esta cuestión. Todas as persoas con relevancia pública deben sentir a obriga e o compromiso de falar un galego digno. E tamén é fundamental o papel dos medios de comunicación públicos, da radio e a televisión, que teñen programas dignos e que coidan a lingua, pero que tamén teñen outros nos que ridiculizan o idioma galego, que fan del un elemento de humor.

xosé ramón freixeiro mato coautor de «modelos de lingua e compromiso»