«Hai quen non goza da música tradicional porque non a coñece»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

SANTIAGO GARRIDO

A xornada festiva volverá encher O Añón de sons durante case 24 horas

11 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, sobre as 11 da mañá, dará comezo na zona do Añón a segunda Foliada do Bosque, unha festa que, se se cumpren as previsións dos seus organizadores e os antecedentes do ano pasado prolongarase ata as primeiras horas do domingo. Roberto Pose, Garban, músico do grupo The Cerne, é un dos organizadores desta festa aberta pola que pasarán Habelas hainas, Raúl Galego e, posiblemente, Bieito Romero.

-Se volven á carga debe ser porque foi boa a experiencia do primeiro ano.

-Si, quedamos contentos tanto nós como a xente toda que asistiu e foron eles os que nos pediron que seguiramos coa iniciativa.

-¿Hai algunha novidade para mañá?

-Vai ser igual que o ano pasado, pero incorporando xogos tradicionais para nenos; virá unha empresa de dinamización sociocultural de Santiago con dous monitores que durante un par de horas farán distintos xogos. Queremos que sexa unha festa para xente de todas as idades. Evidentemente desde pola mañá ata a noite vai cambiando o ambiente.

-¿Como será o desenvolvemento da foliada?

-Serán actuacións libres durante toda a xornada. O ano pasado só se parou un pouquiño para comer, pero salvo esa hora houbo música desde as once da mañá ata as oito do día seguinte, que foi cando marcharon os últimos. Non se para porque a xente vaise incorporando, entran uns, paran outros, vai rotando a cousa, paran as gaitas e comezan as cantareiras, cambias de instrumento...

-¿Que lle diría a alguén que non foi o ano pasado que se anime esta vez?

-Que é unha experiencia que hai que probar; de feito a principal razón pola que comezamos a facer isto é porque probamos e gustounos. Eu son músico desde hai moitos anos, hai máis de 20 que toco a guitarra orientado ao pop, o rock ou o blues e tiña a nosa música un pouco desprezada porque non a coñecía ben, pero probei isto, encantoume e enganchoume, e estou segurísimo que hai moitísima xente que non goza da música tradicional porque non a coñece. De feito o ano pasado houbo xente doutros estilos que pasou porque non tiña outra cousa que facer e gustoulles tanto que xa dixeron que van volver este ano.