«O custe do rescate da peaxe da AG-55 é de 250 millóns de euros»

Manuel Rey, A. L.

CARBALLO MUNICIPIO

Ethel Vázquez afirma que a AG-55 é unha das autopistas máis baratas de España.
Ethel Vázquez afirma que a AG-55 é unha das autopistas máis baratas de España. sandra aLONSO< / span>

La conselleira di non estar disposta quitarlle esta cantidade á sanidade

09 sep 2015 . Actualizado a las 12:11 h.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, a pontecesá Ethel María Vázquez Mourelle (1972), amousou onte en Radio Voz Bergantiños a súa satisfacción por abrir, despois de dez anos de xestións, Carballo ao plan de transporte metropolitano. O vindeiro luns, os veciños de Carballo terán importantes descontos para viaxar a A Coruña, pero tamén para moverse pola cidade e por outros municipios próximos, algo que teñen desde hai xa algún tempo os residentes en A Laracha e Cerceda.

-Sen dúbida, unha nova moi importante para os veciños de Carballo.

-A partir de hoxe (onte para o lector), os veciños de Carballo poden adquirir en cinco oficinas de Abanca do municipio as tarxetas do transporte metropolitano que lle permitirán acceder a partir do luns a descontos de máis dun 30% nos seus desprazamentos en autobús ata a Coruña. E poden incrementarse as vantaxes se son usuarios recorrentes con máis de 40 viaxes, con descontos adicionais, e tamén se son familias numerosas. Hai outra vantaxe importante, que é a conexión co autobús urbano. O transbordo neste caso é gratuíto. Iso permitirá que os descontos globais podan chegar a ser do 43%.

-É posible, logo, a conexión gratuíta co transporte urbano na Coruña.

-O veciño de Carballo que utilice o autobús urbano e o interurbano, hoxe, ten que pagar 5,36 euros, 4,5 son por viaxar ata A Coruña, ao que hai que engadir 85 céntimos urbano se se fai con tarxeta metropolitana. A semana que vén, coa tarxeta que xa se pode xestionar só pagará 3,13 euros e o transbordo será subvencionado pola Xunta de Galicia. Estamos a falar de que os veciños de Carballo poderán desprazarse á Coruña cuns aforros medios de 1.000 euros ao ano.

-¿Como se vai solucionar que a estación de autobuses de Carballo leva catro anos coa concesión caducada?

-Son concesións complicadas. Fixéronse licitacións que quedaron desertas porque son concesións con rendibilidade minima. O importante é licitar e que se presenten empresas concesionarias. Hai que aprender dos erros ou da falta de dilixencia anterior e que nas próximas semanas estea concluída.

-¿De canto tempo estamos a falar?

-O antes posible. Ese é o obxectivo marcado. Insisto que pretendemos que estea o antes posible e así o ten encomendado o persoal de Mobilidade.

-Vostede leva tamén un proxecto de gran importancia para a Costa da Morte, como é a autovía. ¿Como se están desenvolvendo as obras?

-Están moi avanzadas. Van a moi bo ritmo. Imos de acordo coa folla de ruta de poñela en servizo o verán que vén. É unha satisfacción case que podía dicir que persoal que así sexa porque é unha autovía moi demandada. Teño que dicir que traballamos moito na Xunta para que agora mesmo vaia a ese ritmo de execución. Dende logo que todo vai ben para que estea en servizo no verán do 2016. É importante tamén que todas as expropiacións están pagadas e se non están pagadas están consignadas para que os veciños afectados poidan acceder á caixa xeral do depósito para que poidan percibir as indemnizacións, que tamén é unha cuestión importante, que os afectados cobren a totalidade das expropiacións canto antes.

-A pasada semana celebrouse unha reunión entre unha comisión municipal de Carballo e outra da súa consellería para sacar adiante o plan xeral. ¿Como van os traballos?

-Son xuntanzas produtivas porque, ademais, as dúas Administracións temos o obxectivo de aprobar o plan xeral, que é bo para os veciños. É bo para as Administracións e significa seguridade xurídica para os cidadáns e tamén para o desenvolvemento sustentable. Desde logo, produtivas. Eu así o espero. Son a primeira que quere que o plan xeral urbanístico de Carballo se aprobe canto antes.

-Aquí na Costa da Morte hai malestar porque na autopista AG-55 sófrense molestias por causa das obras do porto exterior. Por outra banda no mes de maio falouse de que na Xunta ía reflexionar sobre o posible rescate da peaxe. ¿Que hai diso?

-A AG-55 é das autopistas máis baratas de España e tamén dende a Xunta de Galicia estamos subvencionando a peaxe e, tamén por segundo ano consecutivo, conxeláronse as tarifas. En calquera caso, esa demanda, que é dos concellos, ten un coste, que, segundo os estudos técnicos, é duns 250 millóns de euros. Esta conselleira non vai pedir que se quiten estes cartos da sanidade e da educación para rescatar esa peaxe. A cuestión prantéxase nese sentido. Da sanidade e da educación non imos sacar esa cantidade.

Ethel Vázquez Mourelle conselleira de medio ambiente

«Os veciños de Carballo poderán desprazarse agora á Coruña cuns aforros medios de 1.000 euros ao ano»

«Hai que aprender dos erros ou da falta de dillixencia e que nas próximas semanas estea concluida [a concesión da estación de autobuses]»

«Son a primeira que quere que o plan xeral de Carballo se aprobe canto antes»

Ethel Vázquez