«Espero que esteamos loitando polos postos altos da categoría»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O xogador de Cacheiras chega para asumir a responsabilidade goleadora

03 sep 2015 . Actualizado a las 13:20 h.

A marcha de Ekedi, coa liga de Terceira División a piques de comezar, deixou tocado o proxecto do Bergantiños para a que debería ser a tempada de confirmación na categoría. O camerunés aportoulle gol a un equipo moi forte atrás, pero ao que lle custaba anotar. Os seus nove goles levaron aos carballeses a loitar ata o final pola fase de ascenso a Segunda B. A directiva púxose a traballar e acadou a fichaxe de Rubén Márquez Barreiro (Cacheiras, 1985), un dianteiro con fortaleza física (1,88 metros) e con acerto ante o gol, xa que sumou 30 tantos nas últimas tres tempadas no Boiro. Onte falou con Radio Voz Bergantiños.

-¿Como van estes primeiros días no equipo?

-A acollida foi moi boa e estou moi contento de chegar ao Bergantiños. O equipo ten a base do ano pasado, con poucos cambios, e esperemos estar loitando polos postos altos da categoría, porque o club tamén o merece, por historia e pola vila de Carballo.

-¿Hai máis ambición que na temporada pasada?

-A plantilla é moi competitiva. Xa o demostrou na pasada temporada. A liga vai ser máis igualada, con máis equipos aspirando á zona alta, e creo que o Bergantiños pode dar un paso adiante e estar loitando aí arriba.

-¿Como viviu a fichaxe?

-Xa non era a primeira vez que tiña contactos co Bergantiños pero non fora posible. Este ano firmei no Dubra porque non atopei outras propostas atractivas. Cando pasou o de Ekedi, contactaron comigo e saíu todo ben. Teño que estarlle moi agradecido ao Dubra, tanto a Chus Baleato (adestrador) como á directiva, porque puxeron todas as facilidades para que fichase aquí.

-¿Por que aceptou a proposta do Bergantiños?

-Pola motivación de xogar en Terceira, por suposto, e gústame estar o máis arriba posible. E ademais, con un equipo así de competitivo tamén atrae. Non o pensei moito.

-¿Que poderá aportar?

-Sobre todo traballo e implicación. Involúcrome moito nos equipos e, por suposto, facer goles. Pero máis que asegurar goles, o que aseguro é traballo e intentar tirar polo grupo para arriba.

-¿Atrévese a prometer unha cifra de goles para este campionato que acaba de arrincar?

-Non, pero intentarei facer todos os que poida (risas). O último ano anotei 9 goles no Boiro, o anterior 10, e en Preferente marquei 14 en media liga. Sempre ando sobre esas cifras, e malo será que en Carballo non poida cumprilas.

-¿Asume a responsabilidade de solucionar a falta de gol do que tivo o equipo o pasado ano?

-No Boiro tamén tiña responsabilidade sobre min á hora de facer gol, e creo que non defraudei. Así que espero que en Carballo tamén haxa a mesma sorte e se poda cumprir.