«Foi o meu fillo quen empezou e eu fun detrás»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A agrupación laxense, que chegou a ter 42 gaiteiros, tamén tocará o sábado en Carballo

17 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Laxe tamén terá representación o sábado no primeiro Festifolk Costa da Morte que se celebrará en Carballo a través do grupo de gaitas Maruxía, que preside Florentino Lema Lema.

-¿Como empezou nisto da gaita?

-A asociación creouse no ano 1999 e eu empecei sete ou oito meses máis tarde e case de casualidade. A min sempre me interesou tocar un instrumento, pero foi o meu fillo quen empezou e despois fun eu detrás e tiven moita sorte e fun capaz de tocar. El deixouno, pero eu seguín.

-¿Son bos tempos para esta música?

-Son uns tempos para ir pouco a pouco porque as administracións non teñen cartos e hai que conformarse con contratar coas festas de aquí cerca. Non hai moita cousa, pero como a afección é grande xa se sabe, mesmo poñemos cartos do noso peto. Nós chegamos a ser 42, eramos unha banda, pero agora somos só 12 así que somos un grupo.

-¿Non se cansa un de andar por aí?

-A min non me cansa porque é algo que me gusta moito, pero é certo que no verán andas pasando calor polas corredoiras.

-¿Que lle parece a iniciativa do Festifolk?

-É unha boa idea. Tíñase que promocionar máis a gaita, o que pasa é que non hai axudas. Nós levamos quince anos celebrando o Día da Gaita na primeira semana de agosto e cada vez é máis difícil.