«Coa nosa música fixemos que moita xente visite a Costa da Morte»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O grupo coruñés pechará a primeira edición do Festifolk de Carballo

14 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira edición do Festifolk Costa da Morte, a festa da música tradicional que se celebrará o próximo sábado en Carballo, terá un broche de ouro: a actuación de Luar na Lubre. O grupo que lidera Bieito Romero é un vello coñecido dunha comarca moi presente nos seus discos e pola que, tal como explica o músico coruñés, profesan un amor que vén de hai moito tempo. O sábado terán ocasión de reverdecelo.

-¿Que pensou cando lle propuxeron participar no Festifolk.

-Pareceume unha idea excelente porque é moi bo que xurdan iniciativas deste tipo, e máis nos tempos que corren. Por desgraza dá a sensación de que esta música perdeu valoración no sentido de que cada vez se organizan menos cousas ao nivel do que se pretende facer en Carballo. Que conten con nós é importante e o feito de tocar en Carballo, que sempre foi unha vila que nos acolleu moi ben, é marabilloso.

-¿A situación da música tradicional enmárcase na crise da cultura en xeral ou vai máis aló?

-A cultura en xeral está pasando momentos tráxicos. Particularmente, na nosa música, estamos vivindo unha etapa moi dura que, ademais, resulta paradoxal, porque probablemente estamos no momento artístico máis importante da música galega: hai máis músicos ca nunca, de moitísima calidade e propostas impresionantes porque as escolas de gaita e música tradicional están empezando a eclosionar. Pero non hai iniciativa e os festivais están nunha situación precaria porque non hai axudas nin apoio. Ademais, sempre tivemos a desgraza de entender esta música como algo gratis, cando é algo que ten que ter unha valorización. Hai que acostumar á xente a que pague, aínda que sexa unha cantidade simbólica, por ver un espectáculo.

-¿Ten volta atrás?

-É unha situación difícil e que contrasta coa creatividade que hai en Galicia, pero non é unha situación de fase final.

-Xulio Varela [músico de Luar na Lubre] comentou na presentación do Festifolk que mesmo unha banda de éxito como a súa padece esta situación.

-Comparado con como estabamos hai 10 ou 15 anos a situación agora é moitísimo peor, infinitamente peor. Pero é algo que se enmarca na situación xeral da cultura. A iso hai que engadirlle que vivimos en Galicia, un país onde a valoración da cultura é testemuñal. Pero tamén é certo que somos unha banda resistente, que temos un colchón de ideas e de recursos detrás. Neste momento estamos xirando polo resto do Estado (Bilbao o xoves, Lleida o venres e Valencia onte) e o importante é poder diversificar o teu traballo e que non se cinga só unha área concreta, que no noso caso podería ser Galicia, senón que teñas a posibilidade de moverte cara o exterior e que a túa música sexa recoñecida e valorada.

-¿Cando ven que outros grupos desaparecen teñen a sensación de ser os últimos mohicanos?

-Xa hai moitos anos que temos esa sensación porque desgraciadamente non fomos quen de trenzar unha estrutura que fixera que isto fose estable: unha estrutura de movemento musical dentro da cultura, tal como existe noutros países, nos que son capaces de potenciar a súa música, de exportala cara o exterior e de que teña éxito. Aquí, cada un traballa na súa parcela, así que si é certo que nos sentimos un pouquiño como o último mohicano porque isto en realidade é unha resistencia cultural e artística. Cando desaparecen bandas como Berrogüetto, Fía na Roca ou aCadaCanto un sinte mágoa e tristura de ver como estamos nun país que aínda está por normalizar, no que aínda queda moito por facer. E neste ámbito aínda máis, porque é moi desunido -aínda que nos levamos razoablemente ben todos- e no que colectivamente non damos feito gran cousa.

-Aínda así non lles faltan folgos para emprender proxectos ambiciosos, como o disco coa Orquestra Sinfónica de Galicia.

-Claro, porque a cuestión é non parar. Somos unha banda moi fértil en ideas e propostas e que temos un método de traballo que funciona ben; creo que rompemos un pouco todas as estatísticas da música galega porque levamos case 30 anos e cada 2 sacamos un disco novo. E sobre todo é moi importante a estabilidade interna: ter uns equilibrios que respondan e funcionen ben, ter un norte trazado que todo o mundo respecta, traballa e alimenta. Nós pelexamos para ser unha banda de referencia pero non por ego senón por tenacidade, por resistencia e por demostrar que temos propostas novas.

-¿Dá vertixe mirar atrás e ver que xa levan case 30 anos?

-Eu non o vexo con vertixe, senón como unha aprendizaxe que serve para algo. É probable que tropezásemos moitas veces, que non fixésemos as cousas correctamente, pero en calquera caso é unha historia de aprendizaxe que nos trouxo ata aquí. Non hai moitas referencias, non só en Galicia senón tamén no resto do Estado de bandas coa bagaxe que nós temos: con eses discos cada dous anos, máis de 1.000 concertos e máis de 25 países, dous discos de ouro e ser seguramente na actualidade a banda de música galega que máis discos venda nun tempo no que a música non se vende.

-¿Por que está tan presente a Costa da Morte na súa música?

-Eu estou moi vencellado á Costa da Morte de sempre por diferentes motivos. Pero fóra dese aspecto persoal, que é o que máis leva a referenciar á Costa da Morte nos nosos traballo, hai que dicir que a música desa terra é fantástica: hai melodías e letras moi interesantes aínda que non é nin por asomo das músicas máis coñecidas do país; e paisaxisticamente é autenticamente marabillosa, e probablemente das grandes descoñecidas de Galicia. Nós falamos moito da Costa da Morte nos nosos concertos fóra de Galicia e sabemos de boa tinta que fixemos que moita xente a fose visitar grazas aos nosos concertos e á nosa músicas. É un amor que vén de hai moio tempo por unha zona que nos apaixona.

-O Festifolk será pois unha boa ocasión para reafirmar ese amor.

-Pois si. Será unha xornada de festa na que tentaremos desfrutar ao máximo. Ogallá que o tempo nos acompañe nesa entrada de verán na que estaremos. Ademais, será un concerto que practicamente coincidirá co solsticio de verán, que é unha data marabillosa para facer unha celebración.