Xogar polo pracer de xogar

Antonio P. Abelenda A OPINIÓN DO EXPERTO

CARBALLO MUNICIPIO

12 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Co motivo da celebración da XI edición do torneo de fútbol 8 alevín e VI Memorial José Luis Vara, que se disputará en As Eiroas esta fin de semana propúxenme abordar a temática da psicoloxía do deporte de base.

A estas idades, sobre os once e doce anos, o deporte serve como educador en valores tan importantes como poden ser a disciplina, o traballo en grupo e en equipo, o respecto polos demais,... Pero tamén serve para axudar aos pequenos e pequenas a eliminar estres que hoxe en día experimentan pola multitude de actividades que levan a cabo.

É moi importante que dende os clubs se lles trate coma o que son, nenos e nenas, sen centrarse nos resultados senón, que experimenten o pracer do adestramento como traballo necesario para acadar a recompensa de xogar o fin de semana. Isto é válido tanto en equipos modestos coma naqueles que teñen un orzamento máis elevado.

O risco que corremos se os presionamos para acadar obxectivos, sobre todo resultadistas, é que sofren o que se denomina «burnout» e abandonen o deporte posto que xa non lles supón unha fonte de pracer, senón todo o contrario.

Debo recordar o importante papel que xogan os pais e as nais neste proceso, xa que de nada serve que os clubs lles proporcionen un trato equitativo se despois no fogar o pai ou a nai ven no menor un Cristiano Ronaldo ou un Messi e se lles comeza a esixir responsabilidades por non xogar, por fallar un pase,... Repito, débese fomentar a práctica do deporte como unha disciplina saudable e nunca xulgar ao menor en función dos resultados que este obteña na competición, é dicir, xogar polo pracer de xogar.