«Ademais do deportivo, o torneo dá unha promoción turística á bisbarra»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

FERREIRO

O directivo destaca a retransmisión por primeira vez de todos os partidos

12 jun 2015 . Actualizado a las 00:43 h.

O director das Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz, José Ramón Torres Pichel (Carballo, 1956), atópase en plena carga de traballo antes do comezo dunha nova edición do Trofeo fútbol 8 alevín Concello de Carballo- VI Memorial José Luis Vara. O seu equipo de traballo ultima os a organización dun campionato sempre enxalzado polos equipos e afeccións participantes nas dez edicións celebradas ata o de agora.

-¿Cómo se presenta esta edición?

-No eido deportivo, moi nivelada, e sen un favorito claro. Non aposto por ningún equipo porque penso que as forzas van a estar moi igualadas.

-¿Trátase dunha competición de fútbol ou algo máis?

-O torneo ademais do aspecto deportivo dá unha promoción turística á bisbarra. Os pais que acompañan aos seus fillos sempre preguntan que poden visitar ou onde comer. Son tres días moi aproveitados para coñecer a Costa da Morte.

-¿Haberá novidades nesta edición?

-Sen lugar a dúbidas. A máis importante é que a empresa de telecomunicacións R retransmitirá pola división audiovisual todos os partidos da competición en directo. E facilitará ademais dos seus abonados, e a través do servizo gratuíto Rebobina, as imaxes de quince partidos e facilitará a súa imaxe ao canal da TVG2.

-O de xuño será un mes con moita actividade.

-Efectivamente. Organizamos uns torneos de biberóns e prebenxamíns. Pero agora toca o prato forte co campionato alevín e remataremos a vindeira semana cun de benxamín. Mobilizaremos 101 equipos e máis de 1.300 rapaces. Iso indica o volume e a importancia que ten Carballo.

-¿Cal é o operativo deseñado polas Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz?

-Somos unhas vinte persoas que durante tres días traballaremos de arreo. Calquera pequeno detalle está estudado. Megafonía, árbitros, coordinación dos partidos, marcadores, imaxe do campo As Eiroas... Tamén faremos un seguimento instantáneo na nosa web dos resultados que se produzan.

-¿Haberá equipos debutantes este ano?

-Si. Acoden por primeira vez o Servette de Suíza, o Galicia Caranza de Ferrol e o Lugo. O primeiro foi grazas a unhas xestións dun directivo noso e o segundo por clasificarse na previa. Tamén é salientable a presenza do Atlético de Madrid, porque dende a sétima edición, cos irmáns Obama, no volverán a Carballo.

-Tamén estaba prevista a presenza do Barcelona.

-É certo. Pero as datas impedírono. Contactamos cos equipos no mes de xaneiro. O Barcelona xa estaba confirmado, pero modificáronse as datas do torneo de Brunete e tivemos que modificar as nosas, previstas inicialmente para os días 19, 20 e 21 deste mes. Cambiámolas porque queríamos ter ao Deportivo e ao Celta. En Brunete teñen que ir os equipos de Primeira División por convenio. E incluso tamén tiñamos a posibilidade de ter representación do Real Madrid. Aínda así creo que o actual cartel é tamén moi atractivo.

-¿Ten futuro o torneo?

-Está claro que si. Ten posibilidades de seguir medrando no futuro.