«Levo toda a vida apañando trucos para crear curiosidade polo saber»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José María de la Viña, na terraza do Valle Inclán, dende onde fala do seu amor polas ciencias.
José María de la Viña, na terraza do Valle Inclán, dende onde fala do seu amor polas ciencias. josé manuel < / span>casal< / span>

«Mentres non consigas que os ollos dos alumnos brillen, non o estás facendo ben», asegura o veterano profesor de física e química no instituto Alfredo Brañas carballés

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na terraza da cafetaría Valle Inclán de Carballo -«o meu segundo despacho»-, José María de la Viña (Carballo, 1945) concorda en que a conversa realmente interesante -máis aínda- será a que poida manter de aquí a un ano. Entón poderá dicir con seguridade que foi o que fixo para entreter o tempo que lle deixou a xubilación. Por diante, dende hoxe, quédanlle uns quince días como profesor de física e química no instituto carballés Alfredo Brañas (oficialmente), o centro que marcou toda a súa vida profesional. Ao lombo leva felizmente 44 anos e 11 meses de docencia. Co seu aire de eterno mozo, é un home de estrutura armada pola aprendizaxe dos seus alumnos, pola curiosidade que foi capaz de crear neles, polas súas anécdotas. Con el hai que ir apañando frases. Ten consigo na mesa dous exemplos de que o fixo ben estes anos: o último exemplar de Pomba Dourada, a revista do instituto, na que lle dedican varios artigos, e o seu Time particular, o que lle entregaron unha morea de amigos e amigas na homenaxe sorpresa de hai uns días en Santiago. De la Viña foi (é) creador de vocacións.

-¿Que é o que se leva despois de todos estes anos de exercicio?

-Do que máis orgulloso me sinto, penso, é de que moitos rapaces, cando acaban o bacharelato, elixen carreiras relacionadas coa física, coa química, ou con algunha enxeñería. De que me fagan preguntas, de crear ilusión como sexa, con chistes, con pequenas cousas, coa Feira das Ciencias. Eles pásano ben e sorpréndese descubrindo a ciencia. Eu só quería ver neles motivación co que estaban facendo. ¿Viches a película El club de los poetas muertos? Algo así, cambialo todo, os esquemas.

-Chegou ata aquí e está onde está agora. ¿Como foi? ¿Por que?

-Teño contado xa a miña nefasta vida na academia de Pallas. Tanto que lles dixen a meus pais, con 12 ou 13 anos, que non quería estudar. Pero eles tiñan sentido e cambiáronme para os Salesianos da Coruña. ¡Alí non pegaban a ninguén e por riba dicían cousas interesantes! Imaxina. Fun logo á Universidade, en Santiago. Eu non quería ser profesor e cando rematei púxenme a facer a tesina, ademais de comezar a dar clases no Alfredo Brañas, para gañar algo. Por sorte, en Santiago non me fixeron nin caso coa tesina, mentres que en Carballo empecei a descubrir os ollos dos nenos que querían escoitar cousas.

-E quedou. ¿Nunca perdeu a ilusión polo ensino? ¿Nunca?

-Na Universidade non nos ensinan a ser profesores. Aprendes a base de experiencia. Daquela eu apartei a idea do doutorado e non, non deixei de ter ilusión nunca. Pero cámbiase, claro. Cando un vén de novo, recén saído, chega autoritario e esixindo moito. Tiña claro o que non quería, que sentisen comigo o que eu sentira na academia de Pallas.

-¿Por onde tirou, entón?

-Tiven bos exemplos. Polo Alfredo Brañas pasaron profesores boísimos e eu vía que tiña estereotipos que non eran correctos. Entre esa xente, por exemplo, o primeiro director, Constantino Freire. El foi o culpable de que quedase no ensino, transmitiume o que é a docencia: transmitir alegría polo tema do que estás falando. Podo estar en agosto tirado na praia que non deixo de pensar en como expliquei unha cousa e en como podo facer para explicalo mellor, para que todos o entendan. Gústanme as anécdotas, colecciono libros de experimentos, leo («catro libros de ciencias por un de letras») e penso como podo aplicar o que leo, estou subscrito a revistas... Adoro a ciencia. Levo toda a vida apañando trucos para engaiolar aos rapaces e crear curiosidade polo saber. Hai regras nemotécnicas, está o do volume da esfera cantado... [fai una parada para ilustrar ciencia cun sobre de azucre].

-¿Vai deixar de ser profesor?

-Se alguén me pregunta algo, vou seguir ilusionándome. Hai rapaces xa na carreira que me preguntan dúbidas. Mira [ensina o móbil e abre o Whatsapp], todos estes números que non están identificados son alumnos que me preguntan de física e de química. E eu disfruto, isto é satisfacción. ¿Darlle o teléfono a un estudante? Pois si, ¿por que non? A docencia ten moito que cambiar... Ao comezo chamábanme profesor tolo. Pero mentres non consigas que os ollos dos alumnos brillen de emoción non o estás facendo ben. Eu busco ese brillo, e non me conformo con velo nun ou en dous. As cousas, as ideas, teñen que repousar, sedimentar. O profesor ten dúas opcións: querer que os alumnos entendan as cousas ou querer a acabar o programa. Eu apostei polo primeiro e cando os alumnos me fan unha pregunta sobre o que digo, vexo que están pensando. Outros métodos. Lembro que como non quería que chegasen tarde a clase, e nunca quixen expulsar a ningún alumno, optei polo vacile, por dicilo así. Foi un erro, porque se es un adolescente tímido, desármate. Unha vez, pasados anos, unha rapaza díxome que nunca o pasara tan mal coma nas miñas clases, por aquilo. Desfíxome e aínda me acordo, pedinlle perdón. Foi unha noite de fin de ano. Un só alumno que me diga iso chégame máis adentro ca todos os méritos. Hai outra cousa: o éxito non é só do profesor. Tamén o é do alumno. E dos pais... [volve lembrar casos].

-Hai poucas profesións máis importantes. E a educación...

-Preocúpame. Quizais as carreiras non sirvan para nada, pero ábrenche portas. Aínda así, por moi boas notas que saques, o primeiro día de traballo non sabes que facer. Eu levo toda a vida cambiando todo. Incluso hoxe, cando me quedan quince días de clase. Nunca estou satisfeito e quero saber máis. Crear ilusión pola ciencia, para min, non ten prezo: ollo, que non defendo que todo o mundo sexa de ciencias, defendo que sexan cultos. A min, a carreira, levoume máis anos do normal, porque polo medio estudei noutra universidade, a que non ten edificio en Santiago, a da rúa, a da comunicación, a das relacións sociais... Iso que non ten nada que ver coas notas. Tiña que deixar a docencia aos 65 anos, e pedín seguir, porque agora son mellor ca antes, pero chega un momento no que tes que parar.

-¿Que vai facer?

-¿E agora que? Estou coma cando acabei a carreira. Teño afeccións. O deporte, pero xa nada. A fotografía, pero xa pasou aquela febre. Quizais volver ao teatro... E ler. ¿Ordenar a casa? ¿Viaxar coa muller? Estar tirado nun sillón creo que non. Estarei aínda máis descolocado cando chegue setembro, o curso... O que teña que vir, virá. O outro día unha compañeira díxome que saía pola porta grande. Nunca o busquei, e non sei o que fixen, pero parece que o fixen ben. O único que quería era que os estudantes non se aburrisen nas miñas clases, quería que fosen felices.