«Disfruto nas foliadas como quen vai á discoteca»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A Banda Municipal de Gaitas de Carballo estará presente no Festifolk Costa da Morte

05 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Oleiros, Camariñas, Seaia, Cerqueda, Malpica, A Campara, Berdillo, Camelle, o San Cristovo e o conservatorio carballés son algúns dos destinos nos que Suso Moreira (Mens, Malpica, 1975) forma a novos gaiteiros. Contribúe así a asegurar a supervivencia do instrumento que será o gran protagonista do Festifolk Costa da Morte que se celebrará na capital bergantiñá o día 20 e no que será parte activa como director da Banda Municipal de Gaitas de Carballo.

-¿Como se iniciou no mundo da gaita?

-Empecei con 12 anos na Escola Municipal de Música de Tradicional que había en Malpica, na que se impartía gaita, percusión, canto e baile. A min déuseme por as dúas primeiras e ata hoxe porque o collín con ganas: comecei de alumno e acabei levando eu a escola.

-¿Cambiou moito o mundo da gaita desde aquela?

-Eu diría que evolucionou ben en canto ao número de gaiteiros, porque segue habendo moitas persoas interesadas neste instrumento, pero si noto que falta máis dedicación. Hai moito gaiteiro, pero como hai moitas cousas que facer, moitas actividades, non se lle dedica ao tempo necesario. Hai quen vén a esa hora de clase e non a volve tocar en toda a semana esquecendo que a gaita é un instrumento e como todos os instrumentos precisa de bastante tempo de dedicación na casa porque se non se fai a aprendizaxe é máis lenta e a calidade dos gaiteiros, menor.

-¿Como foi colaborar recentemente poñendo música ao libro «O grilo Míllelo»?

-Teño que dicir que nese sentido son un pouco toxo. Hai quen di que se inspira nas forzas da natureza ou no amor e no desamor, pero a min encárganme a música e o que intento é facela cos coñecementos que teño adaptándome ao que me piden. Neste caso encargáronma dúas persoas que son moi bos amigos, como Xosé Manuel e Icía -ela alumna tamén-, e fíxena adaptándome á letra e pensando que está dedicada a nenos, así que busquei unha música sinxela, pegadiza e que poidan entender.

-¿Que lle parece o Festifolk?

-Todo o que sexa unha opción máis para que a xente poida saír a tocar e desfrutar paréceme estupendo.

-As foliadas parecen ir a máis.

-Si, cada vez hai máis foliadas e xente nelas. Eu o que lle digo aos meus alumnos é que se animen a ir porque temos moito o costume de sentirnos obrigados a ir só ás actuacións nas que hai que vestir o traxe e subir ao escenario. E debería ser ao revés porque as foliadas case me parecen máis bonitas. Encántame que o traballo de todo o ano o poidas desfrutar de ocio nunha foliada como quen vai a discoteca: non tes que levar un traxe específico nin bailar algo específico; ti vas e se che apetece tocar algo, tocas; bailar algo, bailas ou tomar algo, tomas. Ás veces cando recomendo algunha os nenos pregúntanme se hai que ir ou se hai que ir vestidos e eu dígolles que a expresión ?hai que? non existe nas foliadas.