«Está ben que os nenos vexan aos héroes galegos, os gaiteiros, e que queiran ser coma eles»

M. Rial / Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O grupo de gaitas da entidade carballesa estará presente o día 20 en Carballo no primeiro Festifolk Costa da Morte

03 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A música tradicional carballesa terá varios representantes no Festifolk Costa da Morte, que se celebrará o 20 de xuño na capital bergantiñá. Un deles é o grupo de gaitas do San Cristovo. Dous dos seus responsables, Manuela Rodríguez e Javier Fraga, fixeron onte balance da traxectoria da agrupación nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños e anunciaron que o 4 de xullo celebrarán a súa Romaría do Gaiteiro.

-¿Como naceu o grupo?

-Javier Fraga: Naceu canda a asociación, hai xa arredor de 23 anos, no barrio de San Cristovo porque había varios grupos de xente que querían facer cousas, así que decidimos xuntarnos para facer a asociación cultural e empezar con actividades propias da nosa terra, como a gaita e o grupo de baile. Empezamos con moitas ganas e moita ilusión.

-¿Cantas persoas había daquela?

-J. F. Daquela eran tempos moi bonitos; non é que agora non o sexan, pero os rapaces agora están máis atosigados de actividades e as tradicións quedan máis nun segundo plano. Daquela o barrio estaba bastante volcado en montar o seu propio grupo de gaitas e de baile. Igual había uns 12 gaiteiros e moitos bailaríns.

-¿Como eran os ensaios?

-J. F. Divertidos, como agora e sempre que te dedicas a actividades culturais como é aprender música que che alegra o corazón. Sempre o fas con moia ilusión así que aínda que agora somos menos as ganas son as mesmas.

-Manuela Rodríguez: Como di Javier, agora son algo menos e a maioría son xente de 40 anos para arriba, hai pouca canteira, pero sigue habendo ilusión por tocar.

-¿Que lles parece o Festifolk?

-J. F.: Aínda que 200 gaiteiros son moitos, pola zona que colle deberían ser cinco veces máis, pero por algo hai que empezar e é algo fantástico porque serve para difundir, e animar. Esperemos que a xente os vai ver e aplaudir e que os nenos vexan eses heroes nosos galegos, que non son Spiderman nin Superman, senón gaiteiros, e que queiran ser coma eles de maiores.

-M. R.: Todo o que sexa promocionar a cultura galega, a nosa música e o noso baile, parécenos ben e como asociación cultural aí estaremos.

-¿Que teñen preparado para a súa Romería do Gaiteiro?

-M. R.: Este ano ímoslle facer unha homenaxe a dúas integrantes das pandereteiras de Mens, que teñen 91 e 95 anos, e é algo moi merecido.

manuela rodríguez e javier fraga asociación san cristovo