«O Festifolk vai ser algo apoteótico»

M. Rial / Á. Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

02 jun 2015 . Actualizado a las 14:18 h.

A música tradicional ten unha forte presenza na parroquia ceense da Pereiriña, lugar onde vai xa case un decenio un grupo de amigos decidiron montar o grupo Peta Forte. José Quintáns é un dos integrantes desta formación, que o día 20 deste mes participará en Carballo no primeiro Festifolk Costa da Morte.

-¿Como afronta a tempada de actuacións Peta Forte?

-De momento xa levamos unhas cantas e as próximas serán a Foliada en Borneiro e o Festifolk, en Carballo. Imos traballando, loitando pouco a pouco e cos sacrificios habituais.

-¿Como naceu o grupo?

-Foi nunha excursión a pé que fixemos ao santuario da Barca organizada pola asociación de veciños da Pereiriña na que comezamos a falar de facer algo e ocorréusenos crear unha charanga. Iso foi hai oito ou nove anos e despois fomos agregando xente da Escola de Música de Cee e fomos aprendendo. Ao mesmo tempo pasámolo ben e aguantamos do noso folclore que é o importante.

-¿Hai moita tradición de gaiteiros na Pereiriña?

-Si. Ha de haber uns 15 anos ou 16 xa se formara un grupiño, o que pasa é que por motivos de traballo ou estudos fórono deixando, pero algún aínda segue tocando por aquí, na Banda da Música, así que a tradición segue porque na Pereiriña gústanos o folclore.

-¿Canta xente forma parte de Peta Forte?

-Agora mesmo saíndo á rúa, nove ou dez, pero preparados hai uns 14 ou 15 e ademais temos unha canteira de rapaces de 12 a 16 anos que nun par de anos tamén estarán listos.

-¿Cantos instrumentos empregan?

-Agora tamén temos un saxo, que está empezando, pero a maioría son gaitas (oito ou así) e percusión.

-¿Están abertos a participar en máis festas este verán?

-Si, si. Nós colaboramos con todo o mundo, así que nos chame quen queira. Como moitos somos xubilados temos tempo libre. Que ninguén quede sen gaiteiros porque en toda romaría de Galicia debería habelos; unha festa onde faltan non é romaría.

-¿Que lle parece a idea de facer unha gran homenaxe á gaita e tocar todos xuntos?

-O Festifolk vai ser o non vai máis, algo apoteótico. É o mellor que pode facerse, unha cousa marabillosa que deberíamos facer cada ano porque ademais é algo doado de facer.

JOSÉ QUINTÁNS INTEGRANTE Do grupo PETA FORTE (a PEREIRIÑA-CEE)