
O profesor da USC e presidente da asociación Véspera de Nada trae a Carballo o debate sobra a dependencia do ouro negro
28 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Xoán R. Doldán García (Ponteceso, 1963), profesor de Economía Aplicada na USC, exdirector do Instituto Enerxético de Galicia, e presidente das asociación Véspera de Nada. Por unha Galiza sen Petróleo e da Asociación de Economía Ecolóxica en España, visita hoxe Carballo xunto a Manuel Casal Lodeiro, informático, consultor e activista, para presentar no Fórum (20.00) a Guía para o descenso enerxético.
-¿Como xurdiu esta publicación?
-Naceu dentro da asociación Véspera da Nada, na que traballamos sobre todo en torno ao problema do teito de extracción do petróleo, que é unha situación crítica na que nos atopamos agora xa que se alcanzou a capacidade máxima de extracción e isto vai crear un problema enerxético en non moito tempo.
-¿A xente é consciente disto ou só lle preocupa o que lle custa encher o depósito do coche?
-A maioría descoñece o problema e as súas implicacións. Se os prezos do combustible soben pode que se faga máis consciente, pero tamén hai o risco de que se estes baixan pensen que se solucionou e non é así.
-¿Que se pode facer no eido individual?
-Nós non abordamos cuestións tan concretas, porque xa existen outras guías con recomendacións. O que queremos é que a xente saiba que o do petróleo é un problema que nos afecta en moitas facetas da vida, vivimos nun mundo impregnado de petróleo porque moitas cousas que usamos a diario están fabricadas con el. Intentamos que entenda esa dependencia e modifique hábitos nos que indirectamente tamén está presente, como por exemplo no feito de que a maior parte dos alimentos que consumimos proceden do exterior e polo tanto precisan do petróleo para ser transportados; por iso é importante reactivar a produción local. Tamén deberíamos buscar fórmulas para autoabastecernos o máximo posible de enerxía para iluminación e para calefactar as vivendas, e reclamar un transporte público de calidade.