Apego nace en Carballo para achegar o galego aos bebés

Á. Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

Estefanía Rey, Alicia Camiño, Xosé Regueira e Fátima Costa, cos maletíns do proxecto Apego.
Estefanía Rey, Alicia Camiño, Xosé Regueira e Fátima Costa, cos maletíns do proxecto Apego. J. M. CASAL< / span>

As primeiras participantes no programa recibiron onte os maletíns cun boneco manta, un libro informativo, un álbum e outros agasallos

22 mar 2023 . Actualizado a las 14:20 h.

Se é certo que os nenos veñen ao mundo cun pan baixo o brazo, qué mellor sitio para nacer que Carballo, onde ademais de agora en diante chegarán acompañados dun proxecto para que o galego sexa un elemento clave das súas vidas desde os seus primeiros intres. Apego é o nome desta iniciativa que foi presentada onte de xeito oficial na biblioteca Rego da Balsa nun acto no que estiveron os seus tres primeiros beneficiarios. Ningún deles viu aínda a luz -farano en cuestión de semanas-, pero as súas nais, Fátima Costa, Alicia Camiño e Estefanía Rey, quixeron xa mostrar publicamente o seu apoio a esta iniciativa impulsada desde o servizos de normalización lingüística de doce concellos: A Baña, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo, ademais da capital bergantiñá.

As tres recibiron xa onte de mans de Nel Vidal, o normalizador carballés, o elemento máis visible da campaña -un maletín cun pequeno boneco manta, un libro con informacións útiles e recomendacións, un álbum de lembranzas e primeiras experiencias, un medidor e un adhesivo para o coche- pero Apego quere ir máis aló. Cando nazan os seus pequenos, recibirán un cedé de música infantil e puntualmente serán informadas das distintas iniciativas previstas para favorecer a socialización dos nenos en galego, como a sesión de cantacontos que ofrecerá mañá Pablo Díaz no mesmo escenario onde tivo lugar a presentación de onte, a biblioteca Rego da Balsa (ás 18 horas).

«O idioma non é só cuestión dun día, senón un patrimonio dos nosos pais e os nosos avós, pero tamén dos nenos que van nacer», apuntou Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística, na presentación desta iniciativa, na que tamén participou o alcalde, Evencio Ferrero: «Carballo témolo que facer entre todos», engadiu tras expresar o seu desexo de que algún dos tres primeiros beneficiarios naza, coma el, o 28 de xuño.

A iniciativa está dirixida ás familias de recén nacidos, pero tamén do resto de nenos atra os seis anos de idade e para participar nela hai que anotarse a través da súa páxina web (www.apego.gal) ou do servizo de normalización lingüística do Concello.