«Intentamos alonxarnos da imaxe chorona de Rosalía»

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Carballo acolle a estrea do espectáculo «A viaxe de Rosalía»

17 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz e titiriteira Larraitz Urruzola é a cara visible de A viaxe de Rosalía, un espectáculo que se estrea hoxe en Carballo (xardín, 12.00) no marco dos actos do Día das Letras Galegas. Lucho Penabade (guión e dirección); Luis Iglesias (construción dos monicreques); Olga Vieites (vestiario), e José Luís do Pico (música), completan o equipo que fixo posible que a gran poetisa galega cobre vida de novo.

-¿Por que decidiron inspirarse en Rosalía?

-Eu tiña gañas xa desde hai tempo de facer algo conmemorativo respecto a ela e agora tras unha serie de conversas co equipo de traballo decidín animarme. O ano pasado tiña a axenda ocupada con outras cousas, pero xa empecei a imaxinar como podería facerse un traballo cos títeres e seguindo a miña liña de traballo habitual para contar a vida a obra de Rosalía. Como muller e como titiriteira sentía que tiña que ser eu quen o fixera.

-¿Foi moi complicado levala ao mundo dos títeres?

-Máis que complicado a cuestión é que eu tiña certo pudor porque é unha persoa, unha artista, tan querida por todos e da que se fala tanto e hai tantos estudos que é unha gran responsabilidade. Pero pouco a pouco e paseniño paseniño fomos avanzando ata chegar ao día 17, data en que se publicou Cantares e que nos pareceu a xornada ideal para iniciar esta viaxe teatral coa Rosalía títere.

-¿A quen está dirixida a obra?

-O obxectivo é achegar a figura de Rosalía aos nenos porque nos parecía que había pouco material e que era algo que demandaban os colexios e os educadores, pero ao mesmo tempo chegar a un abano máis amplo, para adolescentes, así que quixemos conformar un espectáculo para unha franxa de idade ampla.

-¿Que Rosalía está máis presente na obra?

-Intentamos dar unha pincelada de todo: desde a Rosalía nena, que é alegre e feliz e que se empapa de todo o que lle rodea, a outras facetas, pero alonxándonos un pouco desa imaxe chorona que nunha época lle quedou pegada.