A ciencia ficción toma a Semana do Libro e a Lectura de Carballo

Á. P.

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

As actividades, presentadas onte, desenvolveranse desde o próximo luns

07 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Semana do Libro e a Lectura de Carballo chega este ano á súa décima edición e faino cun programa que terá como escenario de novo o Pazo da Cultura e no que volven a convivir as actividades para escolares (en horario matinal) coas propostas abertas a todo o público (ás 18.30). O obxectivo, explicou onte a concelleira de Cultura, Mar Eirís, é fomentar os hábitos lectores entre os máis pequenos involucrando a profesores e familias nesta tarefa.

Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega -coorganizadora do programa-, incidiu tamén nese obxectivo e apuntou que este ano participarán arredor de 2.200 nenos. «Os mesmos que o ano pasado, porque non se pode facer máis se non se amplía a dúas semanas», apuntou deixando no aire a súa proposta. Costa lembrou as palabras de Carballo Calero nas que aseguraba que Pondal puxo a Bergantiños no mapa e sinalou que con actividades como a Semana do Libro e a Lectura e outras propostas culturais Carballo está agora a resituala.

«É un pracer patrocinar un evento cultural como este, dedicado aos nenos e que este ano ten está dedicado a un tema tan atractivo como a ciencia ficción», sinalou Luciano Calvo, presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, e para quen o alcalde Evencio Ferrero, non escatimou eloxios antes de animar a todos os carballeses a gozar desta oportunidade.

O programa

Luns 11

De 9.30 a 14.00. Obradoiros de electrónica Da ciencia á ficción, de papiroflexia (con Palmira Castro) e de maxia (mago Richard).

18.30. O planeta dos contos, con Bea Campos e David González.

Martes 12

De 9.30 a 14.00. Teatro e música, A guerra dos números, con Lucía Aldao e María Lado.

18.30. Raquel Queizás e os contos Entre planetas.

Mércores 13

De 9.30 a 14.00. Obradoiros Mundos de Papel (coa ilustradora Noemí López), Ciencia ou maxia? e Quero ser astronauta!

18.30. Tarde de tecnomaxia co mago Richard.

Xoves 14

De 9.30 a 14.00. A compañía Baobab Teatro presenta o espectáculo Luppo.

18.30. Persoal do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas) imparte un taller de Ciencia para público familiar.

Venres 15

De 9.30 a 14.00. Obradoiros de robótica (proxecto Escornabot) e de extracción de ADN (con persoal do CSIC) e mini feira de experimentos con Deborah García Bello e Manuel Vicente.

18.30. Sesión de clausura con persoal do CSIC, actuacións dos representantes do CRA Ponte da Pedra e do colexio Bergantiños e entrega de premios da primeira edición do certame escolar A auga que dá pan.