Luz Cures gana o Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

O texto da filológa e profesora, nacida en A Milagrosa (Carballo), foi elixido polo xurado de entre os 36 presentados

05 may 2015 . Actualizado a las 20:01 h.

A edición número 11 do Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo xa ten ganadora. Trátase de Luz Cures Vázquez (A Milagrosa, Carballo, 1979), na actualidade veciña de Bertamiráns (Ames). Cures presentou ao certame un texto titulado «Etiquetaxe», elixido finalmente de entre os 36 presentados. O xurado reuniuse esta mesma mañá, logo dunha análise individual dos artigos, para a posta en conxunto e valoración definitiva. O premio está dotado de 1.000 euros e a publicación do artigo en La Voz de Galicia, Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, Praza Pública, Que Pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. O xurado elixiu este artigo pola súa clara mensaxe, baseada en persoas e situacións reais, cun estilo innovador e orixinal, unha mensaxe positiva e de construción, propondo borrar etiquetas prexuizosas existentes socialmente sobre o uso do galego. Luz é filóloga e profesora. De feito, no intre de abrir a plica para coñecer a autoría do texto, definíase así: «Nacín no 79 en Carballo, nun barrio humilde onde todos os pais estaban emigrados e onde as mulleres nos educaban co exemplo. O meu barrio foi fonte inesgotable de anécdotas e encheume a cabeza de ideas que algún día hei de escribir. Fíxenme filóloga porque me gustaba a literatura, aínda que tamén me valía ser política, xornalista ou calquera cousa que me permitise falar arreo e ler canto caese nas miñas mans. Agora dedícome á educación regrada, aínda que polo medio anden mil cousas. Facéndoo o mellor que podo». 

O xurado desta edición do Premio estivo integrado por Xosé Regueira, concelleiro de Xestión Municipal, Promoción Económica e Normalización Lingüística, como presidente; José Casas, gañador da edición anterior, xornalista e mestrado en Comunicación e Industrias Creativas; Patricia Blanco, xornalista, redactora de La Voz de Galicia na súa edición de Carballo; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto. O artigo gañador será publicado nos medios de comunicación colaboradores o domingo 17 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterio a esa data nos mediso non diarios. 

Obxectivos do premio e anteriores galardoados

Os obxectivos deste premio radican en promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galega e promover o seu uso na prensa escrita. Nas dez edicións anteriores foron premiados Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei e, no 2014, José Casás. O xurado agradece aos autores dos 36 textos deste ano a súa participación.