
«Un ten que ser dalgún sitio, é unha necesidade humana»
03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Recordo perfectamente a primeira vez que o escoitei. Eu aínda era un estudante de medicina e facía as miñas primeiras prácticas nas urxencias dun centro de saúde. Escoiteino xusto antes de que entrase na consulta o próximo doente. Unha voz que proviña do mostrador da entrada: «Cuidado con este que es Carballo positivo, pero positivo positivo!!». A miña primeira sensación foi de asombro e dun certo agobio, pois a pesar de ser un estudante bastante aplicado, eu na miña vida oíra falar desa enfermidade. Se fose hoxe en día tería tirado da axuda do meu smartphone de inmediato, pero nese momento o meu Nokia aínda non daba para tanto. Xa estaba pensando en consultar algún manual de medicina interna cando o doente entrou na consulta. Era un home duns setenta anos, con faccións rudas e unha pel visiblemente castigada pola exposición ó sol. Vestía pantalón de pana marrón, xersei de la e unha chaqueta de punto negra. Sacara a boina nada máis ver ó medico, e agora levábaa engurrada entre os dedos da man, uns dedos con sinais inequívocas de ter traballado arreo. O motivo da consulta era una agudización dunha bronquite crónica que desde fai moitos anos padecía. O doutor comezou a facer as preguntas pertinentes para elaborar a historia clínica, non sen certas dificultades?
-¿Como se encontra Manuel?
-Sempre millor nunca pior. ¡Pero hai que ir tirando!
-¿Vostede bebe Manuel?
-A ver doutor, non lle quero mentir, sede non paso.
-¿Fuma?
-O rubio nin o probo. ¡Por outros vicios non me preghunte eh doutor! ¡Que xa non está a cousa para moitas aleghrías!
Eu tomaba apuntes no meu caderno de prácticas, e en cada resposta o home dirixíame unha breve ollada, cun medio sorriso e ata cun sutil chisco de ollo en sinal de complicidade. O médico, que se chamaba Rafael García Betanzos, parecía vir de volta destas pequenas dificultades na entrevista médica e pasou directamente á exploración física. Durante a mesma, os tres falamos de forma distendida de se chovería ou non para as cachelas de San Xoán, de que a sardiña nunca fora tan cara como este ano e de que se Manuel tivese os meus anos xa andaba moceando desde unha semana antes da festa. Todo nun ambiente de extraordinaria cordialidade. Finalizada a consulta, Rafael acompañou a Manuel ata a porta, e botándolle unha man por riba do ombro aproveitou ese pequeno paseo para preguntarlle pola saúde da súa muller Florinda e da súa filla Carmen. Manuel, tras varias frases de agradecemento, de novo dirixiu a súa mirada cara a min para darme un último e sabio consello: «Aprende moito deste home, rapás, que de tratar enfermidades saben moitos, pero de tratar enfermos non tantos». Ese día aprendín que unha boa relación médico-doente establécese desde a humanidade. Tamén aprendín que fose o que fose iso de «Carballo positivo», moi malo non debía de ser se era o que padecía aquel home.
Anos despois, na miña etapa como residente no Juan Canalejo, escoitei de novo iso de «Carballo positivo». Por aquel entón eu xa sabía que non era ningunha doenza que descoñecese, senón que era un xeito de referirse á xente da miña zona que consultaba no hospital. En realidade, a experiencia foime levando a poder facer unha definición máis exacta do que quere dicir ese adxectivo, sería algo así: «Todo aquel ser humano nacido máis aló da fronteira delimitada polo Marineda e a terceira ronda, con andares, profesión, costumes, atavíos e fala propias do medio rural de Bergantiños e arredores, pero que os seus méritos na vida non lle fixeron merecedor do título de urbanita». Si, coido que esta definición reflicte máis exactamente o que se quere transmitir. Cos anos incluso fun preparando unhas respostas tipo para seren utilizadas cando conviña. Por exemplo: «Pois eu son tamén Carballo positivo e non me vexo nada raro». Algunha vez fun respondido cun sorprendente «Es que tú no pareces de Carballo hombre!», momento no que pechaba eu a conversa con certa retranca: «Tienes razón, perdona, lo que pasa es que tuve que dejar las vacas aparcadas en el aparcamiento de personal, y el arado no me cabía en la consulta».
Nunca entenderei esa suposta separación entre a Galicia urbana e a rural, unha separación ficticia que esquece que a primeira vén directamente do esforzo da segunda e que basta con escalar nas pólas da árbore xenealóxica de todos nós para demostralo. Non sei exactamente en que momento da vida un comeza a ter ese sentimento de pertenza a un grupo. Comezamos por sentirnos parte da nosa familia, do colexio, do teu grupo de amigos, do teu equipo de fútbol? e, como non, do teu pueblo.
É pronto na infancia cando un se decata de que ser de Carballo ás veces ten unha certa connotación negativa, pero é algo que eu nunca logrei entender. Estudei en Santiago e en Oviedo, traballei na Coruña, en Boston, en Madrid? e nunca tiven nin unha mínima sensación de que ser de Carballo fose un handicap para algo. Moi ó contrario. Un ten que ser de algún sitio, é unha necesidade humana, e eu son de Carballo. E síntome moi orgulloso de selo. Pero non como un exercicio de irreflexivo patriotismo, e tampouco en contraposición ás cidades onde estudei, onde vivín e onde traballei, para as que só teño verbas de agradecemento, senón por pura coherencia comigo mesmo. A miña familia, os meus mellores amigos, os que un define como amigosdetodalavida, son de Carballo. A miña educación, os meus primeiros valores, a miña nenez, está ligada a Carballo. En Carballo e entre carballeses síntome cómodo. Disfruto vendo como compañeiros de colexio ou simplemente coetáneos triunfan na televisión, no deporte, na medicina, na avogacía ou nos seus respectivos negocios. Disfruto cada vez que desde a miña posición de médico de nenos podo ser de axuda a algún «Carballo positivo». En marzo do 2013 foi nomeado xerente do CHUAC un bo larachés e non peor exxogador do Bergantiños. Isto debe de ser ó que a xente lle chama o karma?
Alejandro Ávila-Álvarez (Carballo, 1981) é médico adxunto de Neonatoloxía na Unidade de Coidados Intensivos Neonatais (Servizo de Pediatría) do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Cosmopolita, formado en Estados Unidos, unha súas paixóns é o baile a cultura galega: Alejandro tamén é, por exemplo, membro de Xacarandaina.