«Queremos achegar a danza aos rapaces a través do hip hop»

M. Rial, Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

A compañía da artista carballesa, As Driadas, abre hoxe a Primavera enDanza

17 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Formada inicialmente no Conservatorio de Danza Clásica da Deputación, a carballesa Alba Fernández especializouse despois en danza contemporánea da man de mestres como Armando Martén, Beatriz Pérez, Alexis Fernández e Kirenia Martínez. No ano 2006 formou xunto a Estefanía Gómez a súa propia compañía, As Driadas, coa que esta tarde tratará de ser profeta na súa terra inaugurando o ciclo Primavera enDanza coa súa nova montaxe, A Orixe, na que se achega ao mundo da cultura urbana.

-¿Fai falla achegar a danza á mocidade?

-Si. Digamos que dentro da cultura a danza é un pouquiño a esquecida. Entón, nós achegamos a danza aos mozos a través do estilo que máis lles gusta habitualmente, o hip hop, o street dance, niso consiste o espectáculo que estamos a presentar.

-Na presentación da Primavera enDanza contou que hai espectáculos de danza para adultos e para o público infantil, pero non para a mocidade.

-Así é, por iso nós tratamos de tocar esa franxa de idade que normalmente non é un publico moi asiduo os festivais de danza, aínda que sempre hai excepcións. Normalmente os espectáculos están dirixidos aos adultos ou aos nenos, pero nós queremos chegar a nenos xa un pouquiño grandes e adolescentes.

-¿En que consiste «A Orixe»?

-É un espectáculo didáctico no que o público asistente aprenderá cousas novas que seguramente non sabe, ou si: desde os inicios da historia do hip hop, a finais dos anos 60, ata a actualidade. Repasaremos todo o que aconteceu explicando un pouquiño en que consiste cada estilo.

-¿Como é a posta en escena do espectáculo?

-O fío argumental de A Orixe son tres personaxes: as dúas integrantes da compañía máis unha voz en off, radiofónica, que nos irá guiando pola historia do hip hop.

-¿Hai moitos estilos diferentes dentro do hip hop?

-Si. O primeiro que xurdiu foi o breakdance, ou b-boying, que é coñecido polos movementos acrobáticos que se fan no chan; tamén temos o popping, que é o estilo máis robótico; o locking, que é como un pouco máis cómico porque frecuentemente ían vestidos como de clown, de pallasos, con roupa máis frouxa; o new style, que é o estilo máis coreográfico e que xurdiu nos anos 90 coa aparición dos videoclips; o krump, que naceu a comezos dos 2000 e é un estilo agresivo que permite canalizar a ira dun xeito pacífico, pode dicirse que é como a capoeira do mundo urbano... A maioría son estilos que a xente coñece aínda que non saiba os seus nomes.

-¿As músicas do espectáculo tamén son coñecidas?

-Si. Hai músicas que se recoñecen facilmente. Levamos feito un labor de investigación tanto na música como na estética da cada un dos estilos e empregamos temas que son moi característicos, que foron historia.

-Ademais de levar o espectáculo pasarán polos institutos de Carballo.

-Facémolo habitualmente. Encántanos ir aos institutos porque sempre somos benvidas e ademais o público ao que vai dirixido está alí concentrado e normalmente gústalles moito.

-¿Teñen atopado alumnos que tamén fan hip hop?

-Tenos pasado tamén moitas veces porque a nós gústanos involucrar ao público e moitas veces dannos sorpresas positivas. Algún podería chegar a ser unha personaxe máis.

A obra: «A orixe». Compañía As Driadas. A representación desta noite terá lugar no salón de actos do Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas (2 e 3 euros) e servirá para inaugurar a décimo terceira edición do ciclo Primavera enDanza. Pero, pola mañá, os alumnos do tres institutos de Carballo poderán asistir nos seus centros a un pequeno avance: ás 10.40 no Monte Neme; ás 11.30, no Parga Pondal e ás 12.20, no Alfredro Brañas.