«Este documental é unha historia a base de testemuñas»

Onte presentouse en Carballo «Angrois no esquecemento», un traballo do colectivo Lentes Diverxentes

.

Unhas trinta persoas achegáronse onte ata a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo para ver o documental Angrois no esquecemento, un traballo de algo máis dunha hora sobre o accidente de tren do 24 de xullo. A peza fai de altofalante -a través dunha vintena de voces de vítimas, familiares, profesionais dos servizos de emerxencias e veciños que colaboraron no rescate- das vivencias persoais e dos interrogantes que quedan sobre a traxedia. «La incertidumbre es dolorosa, más incluso que la propia pérdida», conta por exemplo Aurora Rozadilla, psicóloga. «No me lo puedo creer. ¿Cómo me va a tocar una cosa de estas?», pregunta unha familiar. «Mi padre fue el número 73», di outra. Angrois no esquecemento é obra do colectivo Lentes Diverxentes. Do guión e a dirección encargáronse Emilio Carral e Susana Suárez Recouso; da imaxe, Marcos Budiño e Fran Piñeiro. Onte estaban en Carballo Fran, Emilio e Susana. Esta última interveu horas antes da proxección en Radio Voz Bergantiños. Hai moitas cousas por saber do que pasou en Angrois, contou. Impactounos moito, pero hai un despois, que é co que hai que loitar. Algunhas das palabras de Susana:

-¿Que se sente cando por fin remata un traballo deste tipo e ve o resultado?

-A sensación é boa, despois dun traballo duro, sobre todo emocionalmente, polo que supón achegarse á xente que viviu tan de preto a traxedia. Foi reconfortante atoparnos coas vítimas e ver que a eles lles gusta que a súa historia e as súas reclamacións estean recollidas. Un traballo coma este marca, aínda para aqueles que estamos en contacto coa información diaria, en contacto con xente que sofre moitas cousas.

-Hai testemuñas de vítimas, profesionais... ¿Que ó que se denuncia?

-Neste documental quen fala son as vítimas, é unha historia construída a base de testemuñas, onde cada quen conta case o que quixo contar. Hai dende vivencias persoais e recordos ata esixencias de que se saiba a verdade, se esclarezan as cousas e para que se constitúa unha comisión de investigación política para esclarecer o que pasou e por que pasou.

Votación
2 votos

«Este documental é unha historia a base de testemuñas»