Tempo de sospeitas e desconfianza con Teatro do Atlántico

Á. Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

Rolán e Salgado, durante a posta en escena de O principio de Arquímedes.
Rolán e Salgado, durante a posta en escena de O principio de Arquímedes. JOSÉ MANUEL CASAL< / span>

«O principio de Arquímedes» invita o espectador a reflexionar sobre os medos

08 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Achegarse a un tema como a pederastia, aínda que só sexa para convertelo en pano de fondo de outras reflexións, supón moverse en augas perigosas nas que os riscos de naufragar -mesmo nunha piscina, como a da nova montaxe de Teatro do Atlántico- non deixa de estar presente. Pero a compañía fundada e dirixida por Xúlio Lago hai agora 30 anos supera dignamente o reto con O principio de Arquímedes, a obra que estreou este venres no Pazo da Cultura de Carballo ante un auditorio menos que mediado.

O vestiario dunha piscina é o escenario único dunha montaxe que ten como motor dramático as sospeitas que se cernen sobre un dos monitores, Xurxo -interpretado por Toni Salgado-, quen presuntamente tería bicado nos beizos a un dos rapaces que adestra. Ese é o punto de partida do texto de Josep Maria Miró i Coromina, traducido a unha ducia de idiomas, do que xa se prepara unha versión cinematográfica e que agora chega ao galego da man de Alfonso Becerra (na tradución) e Lago (na dirección) coa intención de seguir animando ao público a reflexionar sobre os medos que nos atenazan na sociedade actual.

«Que está a pasar?», pregúntase na metade da función Ana, a directora da piscina (María Barcala) na que se desenvolven os feitos, tras constatar que a sensación de inocencia e agarimo de tempos pasados ten dado paso á desconfianza e á perversión. O pai do rapaz (Marcos Vieitez), cos seus medos -pero tamén cos seus prexuízos- é o precipitador das sospeitas desta obra de final aberto que xoga a sorprender ao espectador con efectistas flashback a pesar de que a acción se desenvolve nun curto espazo de tempo.

Salgado leva o peso da montaxe co papel de máis rexistros: desde momentos de humor -poucos, é certo, aínda que os espectadores que celebraron con gargalladas un dos intres máis dramáticos da obra seguramente non estean de acordo- ata outros de dor, medo e incomprensión, mentres que Alberto Rolán (que interpreta a Heitor, outro monitor) afronta o menos agradecido dos catro personaxes, limitándose en varios momentos a exercer -con resultados desiguais- de interlocutor case mudo do seus compañeiros.

As revelacións, os indicios, as dúbidas e, sobre todo a desconfianza que se vai instaurando entre os personaxes conducen a obra cara un desenlace no que a violencia tamén fai acto de presenza, e que se resume nunha última frase, definitoria, pero non aclaratoria, pero cuxa capacidade de impacto se ve lastrada polas transicións previas, deixando durante a uns instantes a moitos espectadores coa dúbida de se a obra rematou ou non. Un pero final remediable e perdoable se a obra cumpre o cometido final expresado polos seus responsables na véspera da estrea: que os espectadores saian do teatro falando do que acaban de ver e intentado discernir que hai de certo neses medos.