«É probable que esta sexa a última tempada da compañía»

Á. Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

Carballo acollerá esta noite a estrea da nova montaxe de Teatro do Atlántico, «O principio de Arquímedes»

06 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A estrea frustrada en Narón por unha repentina enfermidade da actriz María Barcala, fixo a de hoxe en Carballo (Pazo da Cultura, 21.00 horas, 3 e 4 euros) sexa a primeira función da nova obra de Teatro do Atlántico, a compañía creada e dirixida por Xúlio Lago hai 30 anos e que celebra este aniversario montando O principio de Arquímedes.

-¿Por que se decidiron por esta obra en concreto?

-As decisións teñen que ver principalmente cos contidos do texto, cos asuntos que aborda, á marxe da estrutura dramática. Neste caso son asuntos que están presentes na nosa sociedade e pensamos que o teatro ten responsabilidade e unha delas é provocar reflexións sobre eles, como por exemplo o medo. Estamos envoltos en medo e nunha porcentaxe importante de ocasións son medos falsos ou inducidos. Temos medo ao distinto, ao Islam, a moitas cousas, e nestes casos, entre outras, á perversión, ao que lle poden facer aos nosos pequenos. Hai unha obsesión de que estamos rodeados de maldade e ás veces hai que pararse a pensar se iso é realmente así ou estamos enfermos de desconfianza. O autor pregúntase se este medo non nos está levando a renunciar á tenrura, ao afecto, ao cariño e ás caricias.

-A obra aporta moitas preguntas, pero poucas respostas.

-A peza crea situacións, propón conflitos, informa de cousas pero ao mesmo tempo informa das contrarias e tantos argumentos e datos hai para que nunhas cousas sexan brancas ou negras, así que o espectador, en función da súa ideoloxía, do seu concepto moral, do seus prexuízos, da súa formación ou do seu criterio é quen ten que posicionarse sobre o que alí aconteceu; non se lle dá resolta a incógnita, senón que ten que resolvela cada un. Hai que exercitar o pensamento e ter coidado ao xulgar ou ao posicionarnos en contra de algo ou de alguén.

-¿Contaba cumprir 30 anos con Teatro do Atlántico cando comezou?

-Cando comezas non te plantexas cando vas acabar, entón, que chegar ata aquí é algo que nunca pensei porque non te puxeches a meta de durar 20, 30 ou 40 anos, senón que comezaches a andar un camiño. Neste momento a dúbida é se esta é a última etapa da compañía ou se aínda queda a temporada número 31. O problema non é que os individuos poidan ou non seguir exercendo como actores ou como director, pero si que a compañía ou a empresa manteña probable que non. É bastante probable que esta puidera ser a última temporada da compañía ao igual que ocorreu nestes últimos anos con outras moitas compañías galegos.