«A situación demográfica da Costa da Morte é dramática»

M. Rey / Á. Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

PACO RODRÍGUEZ

A biblioteca Rego da Balsa de Carballo acolle esta tarde a presentación do libro «Galicia, un pobo con futuro?»

21 feb 2015 . Actualizado a las 00:19 h.

O economista, avogado e politólogo Manuel Blanco Desar é o coordinador do libro Galicia, un pobo con futuro?, que será presentado esta tarde (ás 19 horas) na biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Xunto a el estarán Justo Beramendi, presidente do Museo do Pobo Galego; Xan Fraga, e o alcalde carballés, Evencio Ferrero.

-¿É moito dicir que a demografía é o problema máis importante de Galicia e da Costa da Morte?

-Probablemente, desde un plano temporal, pensando no máis inmediato, é lóxico que a xente non perciba isto como o máis importante. Por poñer un exemplo é como si estivésemos nunha casa rodeada por un lume que hai fóra -que sería a crise económica-, pero que tamén ten un problema nos seus piares que probablemente farán que se afunda e, con ela, os seus habitantes; é lóxico que os que viven nesa casa estean máis angustiados polo lume que a rodea, pero teñen un problema estrutural endóxeno grave.

-Na última enquisa de Sondade a xente cita como principais problemas a falta de solo industrial, a seguridade, o saneamento...

-É normal, porque se non se fai unha boa pedagoxía explicándolle á cidadanía o que conleva o gravísimo problema demográfico que ten Galicia -e por extensión España, que non está moito mellor aínda que foi salvando un pouco a situación na década anterior grazas a unha inmigración masiva- é lóxico que a xente non o perciba. O tempo demográfico é, salvando as distancias, como o tempo xeolóxico; un non percibe como vai cambiando día a día o territorio e igual pasa coas persoas. Para abordar os fenómenos demográficos precisas unha formación previa para avaliar a súa gravidade.

-¿Por que é tan grave?

-Porque, e creo que isto se pode ver perfectamente na Costa da Morte, a medida que hai menos xente nova a sostenibilidade dos servizos públicos faise máis difícil de manter. A economía tamén vai a peor e no caso concreto das domésticas se hai menos xente nova no futuro o prezo das propiedades, dos pisos, dos das terras e das leiras caerá estrepitosamente co cal o patrimonio dramaticamente. Nós neste estudo tamén atopamos persoas que pensa que mentres chegue para elas está ben e que o que veña detrás que se amole, pero esa non é unha postura construtiva nin dunha cidadanía exemplar.

-Ni libro falan de que a xente se mobiliza por un ferrado da súa terra pero non por un problema colectivo.

-Efectivamente, Si os portugueses cruzaran o Miño e quixeran apropiarse dunha franxa de 500 metros de terra do lado galego supoño que a cidadanía se mobilizaría como un único home e consideraría intolerable esta situación. Pois dáse o paradoxo de que ano tras ano estamos perdendo unha porcentaxe elevadísima de xente nova, fundamentalmente pola baixa fecundidade que temos desde hai practicamente 30 anos, e isto non move a conciencia de ninguén cando é moito máis grave para a economía que que non usurpasen uns ferrados de terra. A riqueza do país é o seu capital humano e o estamos perdendo tamén pola vía da emigración, pero ese non é o problema fundamental, senón a baixa fecundidade que temos. Neste momento están nacendo escasamente un fillo por cada parella de galegos, o que quere dicir que en 20 anos moita xente nova vai ter que manter cos seus impostos a dous anciáns.

-Os datos din que a Costa da Morte perde cen habitantes ao mes o que en tres anos equivalería ao concello de Laxe.

-Efectivamente e seguindo con ese exemplo, neste momento Laxe, segundo as fichas do Instituto Galego de Estatística, é un dos concellos da Galicia costeira que ten unha fecundidade menor, do entorno dos 0,7 fillos por parella. É evidente que é unha depresión no natalicio desta vila que ten difícil arranxo só pola vía de compensar esas perdas pola inmigración.

-¿Como é a situación demográfica da Costa da Morte en xeral?

-É dramática pero é certo que non o é tanto como a de algunhas comarcas da Galicia interior onde probablemente a capacidade de rexeneración está esgotada. Ten unha vantaxe que é que está circunscrita no que eu dou en chamar a codia do territorio galego, na franxa costeira, e por fortuna é a que ten menos risco de suicidio demográfico. É máis probable que haxa transvases desde a Galicia interior ou outras zonas costeiras cara as terras de Bergantiños que desde aquí cara o interior, porque está nese gran polo de atracción que é a conurbación da Coruña. A proba a temos en Carballo que a pesar de que nas últimas décadas a depresión demográfica en Bergantiños foi bastante acusada, grazas ao polo da bisbarra mantivo o peso poboacional total.

-¿Que se pode facer?

-Eu, e moitos dos autores que participamos no libro, cremos que isto hai que acometelo desde unha perspectiva de impulso desde o Goberno español, porque España ademais ten unha característica dentro do mapa demográfico europeo salientable: é o país da UE que concentra as tres rexións con peores datos de fecundidade: Galicia, Asturias e Canarias. Peor incluso que outras zonas cunha crise moitísimo maior que é a que ten España. ¿Mentres non tire o Goberno español e visibilice isto como un problema estrutural do conxunto do país qué se pode facer? Pois, polo menos, as autoridades locais deberían facer un gran pacto para facer un entorno amigable para as familias, para que a xente se decida a arriscar a ter fillos. Iso lógrase xerando unhas condicións que compensen o esforzo que asumen.