Carballo anima a celebrar os aniversarios en galego

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

O Concello e a Mesa pola Normalización Lingüística presentaron a adaptación do tema «Parabéns para ti»

12 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O auditorio da biblioteca carballesa Rego da Balsa encheuse onte pola tarde para asistir a un acto dobremente festivo e co que Carballo quere facer unha invitación ás familias de toda Galicia para que incorporen o galego a un novo eido. Ante boa parte dos colaboradores da iniciativa, das autoridades e doutros espectadores diversos foi presentado o videoclip impulsado polo Concello e a Mesa pola Normalización Lingüística para que nos aniversarios dos nenos galegos poidan ser parabenizados neste idioma cunha canción e un vídeo gravados expresamente para tal fin.

«Era un oco que existía ata agora», destacou na estrea de Parabéns para ti o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, e así o confirmou tamén o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, quen sinalou que se trata de algo sinxelo, pero ao mesmo tempo dun importante paso adiante.

Así o entendeu tamén o público, que saudou con aplausos a todos os colaboradores do videoclip, como Nanny Mouro -autor da adaptación musical e un dos responsables de Mamá Lola, a empresa que gravou o videoclip-, os nenos que puxeron as súas voces -Paula Fraga, Carla Serrano, Julia Antelo, Noah Abelenda e Sara Pose- e os integrantes da agrupación coral e teatral Vagalume, que se ocuparon da posta en escena do vídeo, e en cuxo nome falou o seu director Javier Fraga. «Buscaban talento e beleza así que quen mellor que nós», dixo con humor antes de animar a todos os presentes a axudar a difundir o videoclip.