«Pasámolo moi ben facendo teatro e iso chega ao espectador»

A compañía Il Maquinario estrea hoxe en Carballo a súa nova montaxe, «Perplexo»


O actor e director Tito Asorey (Ourense, 1977) e os seus compañeiros da compañía teatral Il Maquinario regresan esta noite a Carballo para representar a súa segunda montaxe. Tras a perturbadora O home almofada xiran agora cara a comedia con Perplexo (Pazo da Cultura, 21 horas, 3 a 4 euros).

 

-¿Que lle atraeu deste texto?

-Que é un texto que nos permite un xogo teatral moi interesante. Despois dunha traxedia, como O home almofada, onde prevalecía o drama, o thriller, unha trama policíaca e un pouco escura, estabamos interesados en que a nosa segunda montaxe fose un cambio case radical con respecto a ese universo, así que eliximos unha peza que é unha comedia moi tola, cun ritmo moi rápido e que nos permitía xogar con todas as convencións teatrais, cos ritmos, cos cambios de personaxes e cun punto vodevil, pero tamén ter contacto coa realidade, facer crítica social. É un texto de Von Mayenburg, que é un dos autores contemporáneos máis interesantes e que está tendo un grandísimo éxito en Alemaña e cuxas pezas se están montando por todo o mundo.

 

-¿Como inflúe o feito de repetir director e elenco á hora de pasar de «O home almofada» a «Perplexo»?

-Xa estamos acostumados a traballar uns cos outros, somos un equipo consolidado, fomos compañeiros na escola de arte dramático, co cal xa traballaramos tamén antes en distintos proxectos máis de tipo académico. Nesta segunda montaxe o feito de ser os mesmos permitiunos unha gran complicidade, que creo que é algo que o público notará porque somos un grupo que o pasamos moi ben facendo teatro e iso transmítese ao espectador.

 

-¿Á hora de repartir os papeis entre os catro protagonistas estaba todo claro xa desde o principio ou houbo debate?

-Tanto no caso de O home almofada como deste espectáculo o reparto dos papeis eu xa o tiña un pouco na cabeza porque cando vas lendo xa os vas colocando. Esta peza fala de dúas parellas que se van intercambiando os seus roles ao logo da hora e media que dura a función, así que os actores xa van pasando un pouco por todos os papeis. A obra fala de saber quen somos nunha sociedade que ás veces vai tan rápida que non nos permite case profundizar ou ser algo as 24 horas do día, temos que poñernos detrás dunhas máscaras, duns roles sociais.

 

-Cando viu a Carballo «O home almofada» contaba que a súa intención non é aportar respostas, senón xerar debate.

-Si, e sígoo pensando. A xente que veña ver a función vaise dar conta diso: de que se dan poucas respostas porque é un espectáculo moi aberto para que a xente poida despois, tomando unhas cañas ou un café, debater e seguir dándolle voltas ao que acaban de ver. Así o espectáculo dura máis tempo. Un dos puntos importantes do teatro é ser un foro de debate, onde a cidadanía se reúna e se plantee certas cuestións importantes. No caso de O home almofada podía ser ata onde pode chegar o feito artístico e a responsabilidade do creador, en Perplexo trátase de reflexionar sobre a identidade, como individuo, como parella, como amigos, como pais... É un xogo teatral moi interesante.

 

-¿Vai seguir alternando actuación e interpretación ou pensa centrarse nalgunha das dúas facetas?

-De momento como director teño este proxecto, Il Maquinario e estiven tamén como axudante de dirección os dous últimos anos na Compañía Nacional de Teatro Clásico. Como actor estou na serie Serramoura e o certo é que me apetecía moito volver a actuar porque é a faceta á que me dediquei a maior parte da miña vida.

 

-¿Como inflúe esa faceta de actor no seu xeito de dirixir?

-Eu creo que nestas dúas montaxes que levamos con Il Maquinario un dos puntos fortes é a propia interpretación dos catro actores que forman o elenco. Melania, Fran, Fernando e Laura e o feito de que eu sexa actor faime impulsar moito a dirección de actores e traballar moito a interpretación e o ritmo, Dámoslle moitas voltas ás cousas e creo que iso se nota despois no feito de que a interpretación dos catro actores é un dos valores máis importantes da función.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Pasámolo moi ben facendo teatro e iso chega ao espectador»