Camariñas e Luz Casal entrelazan para sempre os seus camiños

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

«Teño a certeza de que non me faltará o cariño», dixo a artista logo de ser nomeada filla adoptiva do municipio do encaixe

30 jul 2026 . Actualizado a las 11:06 h.

Luz Casal é, dende este mércores, filla adoptiva do Concello de Camariñas. Así o decidiu a corporación local nun pleno extraordinario que foi seguido por numeroso público e no que, por suposto, non faltou a música.

Ao fío da unha da tarde chegou a artista á vila, a unha praza na que se congregaban ducias de seguidores. «Meréceo ben, é unha das miñas ídolas e a maneira na que canta Camariñas ponche os pelos de punta», dicía unha veciña, lembrando ese himno que, logo de ser recuperado por Luar na Lubre, ela popularizou aínda máis coa súa característica voz.

A boimortense foi recibida por un corredor de palilleiras e por unha interpretación musical a cargo de Budiño e do artista local Fran Barcia, todo iso antes de acceder ao salón de plenos e de que os munícipes votasen un recoñecemento «plenamente merecido pola súa extraordinaria traxectoria profesional» —sinalou a concelleira Encarna Liñeiro— e por unha carreira que estivo sempre «marcada pola excelencia artística, a autenticidade, o compromiso coa cultura e unha constante proxección dos valores de Galicia», salientou a edila de Encaixe durante a lectura do acordo plenario.

A alcaldesa, Sandra Insua, agradeceulle a Luz Casal que no medio de tan brillante traxectoria decidise «abrazar unha pequena cantiga nosa e convertela nun auténtico himno universal». Describiuna como a «mellor embaixadora» que podería ter o municipio e comparou os seus valores cos das palilleiras, «fío invisible que sostén a historia de Camariñas. Mulleres traballadoras, fortes e resilientes que manteñen viva a nosa identidade fío a fío», expresou a rexedora.

«Hoxe pasas a ser oficialmente filla adoptiva de Camariñas. Pero a verdade, a que sabemos todos os que estamos hoxe aquí, é que nos corazóns da nosa xente xa eras da nosa familia dende hai moito tempo», concluíu a alcaldesa antes de dar paso a unha votación que foi favorable de xeito unánime, tamén entre o público.

Coa medalla de honra xa ao pescozo, a artista lembrou a súa infancia en Asturias e admitiu que, pese a ter Camariñas sempre moi «presente», nunca estivera na localidade ata agora. «Mientras me acercaba» —desculpouse Luz polas súas dificultades co galego— «pensaba cómo había podido perderme este paisaje hasta ahora», apuntou a homenaxeada, quen tamén dixo sentirse moi «querida» na vila: «Teño a certeza de que aquí non me faltará o cariño», expresou. O sábado actuará en María Pita e no repertorio non faltará Camariñas: «Creo que esta medalla me acompañará, como mínimo, en esa canción», prometeu a artista antes de sumarse a Budiño e Fran Barcia nunha emotiva interpretación dese himno, á que tamén se sumou o público presente. Unha aperta á alma dos camariñáns.

Ao rematar, asinou autógrafos e vinilos, fíxose fotografías con seguidores e deu un paseo pola localidade xunto con representantes municipais.