Paula Mouzo: «Unha cuestión fundamental é o apoio á nosa xente do mar»

Melissa Rodríguez
Melissa RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ANA GARCÍA

ELECCIÓNS GALEGAS | Turismo, patrimonio e a autovía son outras prioridades para a camariñá, candidata popular que sobe do posto 23 ao 14 pola provincia coruñesa

13 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Percebeira de profesión, Paula Mouzo Mas (Camariñas, 1986), foi collendo carreiriña na política dende o 2019, cando foi na lista municipal da súa vila polo Partido Popular e se converteu en concelleira. Ao ano seguinte, dende a agrupación xa contaron con ela para a candidatura ao Parlamento de Galicia. Ocupou o posto 23. Foi o ano pasado cando deu un gran salto, xa que pasou a ser a candidata á alcaldía e, ademais, tomou posesión como deputada na cámara autonómica. Neste 2024 segue a ser a principal líder da oposición en Camariñas e, ademais, sube ata o número 14 na lista pola provincia da Coruña para os comicios que se celebrarán o próximo domingo, día 18. «As miñas ideas políticas sempre foron as mesmas e estou orgullosa», comeza dicindo.

—Non para vostede de crecer. Como recibiu o último ascenso?

—Con moita alegría, a verdade. É unha nova moi boa para min e estou moi agradecida co Partido Popular e con Alfonso Rueda por depositar esa confianza en min, darme esta oportunidade e, tamén, por facer unha aposta forte pola Costa da Morte.

—Vive de maneira distinta a campaña?

—Todas son intensas, sen dúbida. Sendo concelleira, diría que as que máis, as municipais. Pero estounas traballando como unhas municipais. É certo que ao mellor teño máis actos e debo desprazarme, pero estou todo o día na rúa, pateando e falando coa xente, para escoitar as demandas do concello e da comarca.

—E que tal foi a experiencia no Parlamento?

—Moi boa! É totalmente distinto á política municipal, pero aprendín moitísimo. Integraba a comisión de Pesca e defendemos a iniciativa de baixar o IVE aos produtos do mar, que son de primeira necesidade e moi importantes para ter unha dieta equilibrada. De outro lado, aumentaríase o consumo e incrementaríanse as vendas. Saíu aprobada por unanimidade. Tamén traballei noutras propostas relacionadas coa igualdade, o turismo ou o patrimonio subacuático.

—Que cree que podería aportar nos próximos catro anos?

—Estando no Parlamento son un enlace directo para trasladar alí as demandas da bisbarra, colaborar e facer máis fácil a vida dos galegos.

—Cales serían os retos para Camariñas?

—A prioridade para Camariñas sen lugar a dúbida sería un cambio de goberno. A mala xestión económica do Concello só se resolve así, cuns presupostos do 2023 e do 2024 sen aprobar, unha débeda asfixiante e pagando miles de euros con reparos de intervención. Despois, outras cuestións fundamentais serían o apoio á nosa xente do mar, tanto a nivel de infraestruturas como de solucións aos seus problemas. O que non pode ser é como fan outros políticos, que só se acordan deles a dúas ou tres semanas das eleccións. Temos que aproveitar a nosa natureza, que é unha fonte de ingresos. As nosas praias, o patrimonio cultural... Unha ruta de vinte e cinco muíños, por exemplo, da Ponte do Porto, descoidada totalmente, pese a que é a máis grande da Costa da Morte. Temos unha gastronomía tremenda, a artesanía, e un longo etcétera. Son unha persoa moi inconformista [ri].

—Precisamente, en clave comarcal, cales serían as cuestións prioritarias?

—O Goberno galego tívoo claro e hai que seguir apoiando ao sector turístico, promocionando o territorio, mellorando as infraestruturas e abrindo novas oportunidades como pode ser a do patrimonio subacuático. Tamén é vital e xa hai dotación orzamentaria para continuar coa prolongación da autovía, tan necesaria. Hai unha folla de ruta e temos que insistir na súa execución. E despois pódense abordar outras demandas en sanidade, xuventude e as que xurdan. En canto ao primeiro, o conselleiro de Sanidade vén de anunciar un centro de día oncolóxico para o hospital de Cee, o que reducirá os desprazamentos, e está en marcha a ampliación de Urxencias.

—Como está vendo o período electoral e que cre que pasará o domingo?

—Teño a impresión de que o Partido Popular vai revalidar a maioría absoluta. Son as sensacións que teño porque creo que estes anos se fixo un bo traballo, polo que me din os veciños, mais porque máis que unha alternativa, vexo partidos que só buscan o poder mediante a crítica destrutiva. Dálles igual todo. A eles o que lles importan son os votos e fan calquera cousa necesaria para gañalos, pero sen ter en conta o dano que poden facer como aconteceu cos pélets, que puxeron en dúbida a calidade dos nosos produtos, enganando e preocupando á xente. Vexo un estancamento do PSOE ou incluso unha baixada, e pode que Sumar saque un escano. Seguiría o BNG como segunda forza. Votar ao PP é estabilidade, seriedade e palabra. Do programa anterior cumpriuse máis dun 90 %.

A quiniela de Paula: 42 PP 19 BNG 13 PSOE 1 Sumar