In memoriam | Bautista Santos Ramos, un bo alcalde e unha mellor persoa

Marisol Soneira Tajes CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

F.M. CASAL

A disputa política quedaba dentro das paredes do Concello

06 jun 2023 . Actualizado a las 21:14 h.

Bautista foi alcalde, por primeira vez, por casualidade. A Agrupación Socialista de Camariñas creou unha comisión, nas eleccións de 1983, para atopar un bo candidato que encabezase a lista que o PSOE ía presentar á cidadanía. Despois de longas pescudas e horas de xuntanzas e entrevistas persoais, a comisión concluíu que o mellor candidato que podían presentar estaba dentro da casa e, aínda que escasamente coñecido fóra da súa parroquia, podían compensar esa carencia con candidatos potentes en cada unha das outras. Quizá Bautista era o menos convencido, pero aceptou o que os seus compañeiros propoñían.

Foi alcalde sendo un perfecto descoñecido para moitos votantes socialistas, pero cando rematou o primeiro mandato, non había nin unha soa persoa en todo o Concello de Camariñas que non coñecese a Bautista e que, por moitas diferencias políticas que tivese con el, non engadise ao seu nome un latiguiño que o definiría sempre: unha boa persoa. Porque con Bautista podíase estar de acordo politicamente ou non, pero cando se acababa o pleno, ou a comisión correspondente, todos ían xuntos a tomarse unha cervexa ao bar do Casino. A disputa política quedaba dentro das paredes do Concello.

Na política actual atribúese a un líder político a definición de killer (asasino na súa tradución literal), como definición positiva do dirixente enérxico e autoritario que non dubida en «cortar cabezas» en aras aos seus obxectivos. Hai moitos exemplos na política pasada e na actual deste perfil de político. Pero teño serias dúbidas que no enterro deses «killer» houbese unha representación tan diversa e tan heteroxénea como a que o domingo acompañou a Bautista na súa última andaina polos camiños da súa Xaviña que o viu nacer. Alí estabamos compañeiros de partido, adversarios políticos enfrontados politicamente durante moitos anos, empresarios, traballadores, veciños, homes e mulleres da máis diversa procedencia que, por riba de calquera outra consideración, sempre definiron a Bautista, e ségueno definindo, coma unha boa persoa.

Descansa en paz Bautista. Contigo vaise un xeito de facer política que, con erros e con moitos acertos, fíxolle fácil o tránsito da ditadura á democracia a este vello e complicado país noso. Ogallá a condición de boa persoa puntuase máis do que puntúa actualmente na política e na vida.