Marisol Soneira, exvicepresidenta do Parlamento de Galicia: «O ''gusanillo'' da política non se me quita»

CAMARIÑAS

Marisol Soneira xunto as súas ovellas na súa horta de Camariñas
Marisol Soneira xunto as súas ovellas na súa horta de Camariñas Ana García

Pasou de palillar encaixes a dar o salto á política e ser unha veterana na Cámara galega. Agora, xa xubilada, esta socialista dedícase a desfrutar da vida campestre atendendo as súas ovellas na súa horta de Camariñas

09 mar 2023 . Actualizado a las 13:33 h.

Aos seus 68 anos, Marisol Soneira (Camariñas, 1954) dedícase a «desfrutar da vida» e a sacar tempo para a desconexión. Pasou de dedicarse á artesanía do encaixe de Camariñas a dar o salto á política -sempre coas siglas do PSdeG-PSOE-, un paso que nas súas palabras «sucedeu de maneira natural». A socialista comezou a sentirse atraída dende moi nova pola política, un tema que tal e como recorda agromaba nas charlas da sobremesa da súa casa: «Noutras familias falábase do tempo, pero na miña casa era moi frecuente falar de política»

Despois de pasar un tempo dedicándose a todo o que tiña que ver co encaixe de palillos, un amigo seu chamou á porta para ofrecerlle ingresar nas filas do PSOE: «Veu e díxome: ‘Estamos formando a agrupación socialista de Camariñas, pensamos que ti poderías aportar algo'; e eu pensei: ‘Pois este pode ser o meu sitio'». E tanto que atopou o seu lugar, porque pasou de ser miitante a ascender progresivamente ata chegar a ser deputada do Parlamento de Galicia o 23 de febreiro do ano 1999, unha data que ten gravada na súa mente. «Para min é moi especial. Eu tiña moi claro que a miña primeira obriga política era a de levar os asuntos da Costa da Morte ao Parlamento, que ata o momento sempre pasaran un pouco de esguello», relata.

No ano 2012 foi elixida vicepresidenta do Parlamento de Galicia, unha noticia que recibiu con «bastante sorpresa». «Eu pensaba que ía ocupar unha secretaría [na Mesa do Parlamento] e cando vin na lista o meu nome non o podía crer», recorda con emoción. 

Tras 38 anos en política, Marisol retirouse no 2018 e a vida levouna a comprar unha finca que levaba abandonada dende hai moitos anos moi preto da súa casa e na que pasa a meirande parte do día. «Dediqueime a plantar árbores e mesmo a ter unha colección de galiñas de todas as razas», di a política. E engade: «Eu sempre me queixaba do moito que crece a herba e Pachi Vázquez [exconselleiro e ex secretario xeral do PSdeG] díxome: ‘Vouche regalar uns cortacéspedes marabillosos';. E agora teño tres ovellas», comenta entre risas.

Dende a súa xubilación, Marisol tamén emprega boa parte do seu tempo en viaxar: «Teño un grupo de amigos cos que unha vez ao mes facemos rutas de sendeirismo por España». Pero aínda así, por moitos viaxes que faga, non se lle quita o amor que ten cara a súa terra. «Canto máis viaxo máis me gusta Camariñas», afirma. Sobre a política actual confesa estar «preocupada» pola falta de referentes de calado e ten a sensación de que a de hoxe en día é «moi etérea e de redes sociais». Hoxe, con 68 anos e xa xubilada, Marisol segue a reunirse cos amigos e a falar na sobremesa do mesmo tema do que o facía cando era tan só unha nena: «Seguimos falando de política porque o gusanillo non se nos quita»

Marisol Soneira no ano 2005
Marisol Soneira no ano 2005 PACO RODRÍGUEZ

Fun

Artesá, concelleira, primeira deputada da Costa da Morte e vicepresidenta do Parlamento de Galicia.

Marisol Soneira na súa horta de Camariñas
Marisol Soneira na súa horta de Camariñas Ana García

Son

Xubilada que desfruta da vida campestre e das conversas políticas cos amigos.