Quince anos de lecturas co club Arao de Camariñas 

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

A escritora Rosa Aneiros regresou este mércores ao instituto Pedra da Aguia

27 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Formado no instituto Pedra da Aguia de Camariñas no curso 2007/2008, o club de lectura para adultos Arao vén de acadar os seus 15 anos. Fora daquela unha iniciativa da biblioteca e do seu responsable, Emilio Roca, para complementar os clubs de alumnado xa existentes. Nestes tres lustros, Arao foi capaz de manter unha media de 20 participantes (quedan un 50 % dos iniciais), e a pesar de que os impulsores xa están xubilados, continúa funcionando coa colaboración dos actuais responsables da biblioteca e da dirección do centro. Ata en pandemia se mantiveron os encontros, de forma telemática. Retomados este ano os presenciais, e aproveitando a efeméride, pensaron no club que unha forma de celebrala sería coa visita da escritora Rosa Aneiros. Xa no 2010 acudira a Arao para comentar a súa obra Resistencia. Daquela prometera volver, para seguir falando de letras e para degustar as sobremesas coas que sempre rematan estes encontros, polo que non puido haber mellor ocasión. Desta volta veu, o mércores, coa novela Sibila, e quedou Aneiros emprazada para outra nova ocasión. Xa din: non hai dúas sen tres...