Encarna Liñeiro: «Ás palilleiras gústalles estar xuntas e ter un día de festa»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

basilio bello

Máis de 450 artesás reuniranse mañá nun encontro que se celebrará no pavillón municipal de Camariñas

07 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Encarna Liñeiro é a concelleira do Encaixe, un dos principais valores de Camariñas. O pavillón municipal acollerá mañá un encontro de artesás, a Festa da Palilleira, para o que o luns había anotadas 452 persoas, que chegarán de toda Galicia e mesmo de Asturias e Soria.

—Cal é o motivo do encontro?

—Ás palilleiras gústalles estar xuntas e ter un día de festa no que tamén haberá postos do seu gremio, dos produtos que elas utilizan, polo que tamén poderán comprar e non só palillar. Trátase de estar xuntas, comer e ter alegría. Tamén temos previsto darlles un detalle por vir.

—Hai moitas ganas de festa?

—Si, moitas. Eu son a concelleira do covid. Veu a pandemia e só puiden vivir dúas mostras e dúas festas da palilleira, pero penso que estas citas gustan precisamente máis polo tempo no que non se puideron celebrar. Iso é especialmente importante para as persoas maiores e moitas das artesás o son.

—É ese un problema?

—Temos tamén xente nova que está á vangarda como Lara Pasantes, que é tamén concelleira, a profesora da Escola Municipal de Palillo, que é de Xaviña, ou a marca de camisetas Encáixate. Hai relevo, pero é certo que boa parte das palilleiras teñen bastante idade.

—Falta xente nova?

—Na escola temos este ano 50 alumnas de tódalas parroquias. Para elas é moi importante participar na Mostra do Encaixe porque é onde poden amosar o seu traballo. É certo que notamos unha baixada a partir de segundo ou terceiro da ESO e debe ser porque están máis ocupadas, pero o importante é que aprendan de nenas.