Nerea López, coordinadora do Balonmán Camariñas: «O noso obxectivo a largo prazo é crear unha liga de base na Costa»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ana garcía

Forma parte das novas xeracións que tratan de poñer en auxe o club

18 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Balonmán Camariñas non atravesa polos seus mellores tempos xa dende hai uns anos. Pero segue a ser un histórico na Costa da Morte e as novas xeracións veñen con ganas de volver poñelo a flote. Neste senso, Nerea López Lijó (Dor-A Ponte do Porto-Camariñas, 1994) acaba de dar un paso importante ó asumir a coordinación do club en todos os niveis: «Administrativo, deportivo, social...», explica. Dende hai pouco máis dun ano forma parte da directiva como vogal. Tamén segue xogando no equipo sénior feminino da entidade, na posición de extrema, aínda que recoñece que, agora, o que lle ocupa é esta outra faceta. Tamén xa antes foi adestradora da base.

—Que a levou ata este novo cargo?

—Querer dar un empurrón ó balonmán en Camariñas e na Costa da Morte, facer que volva ser importante. É algo que considero que tocaba facer. Levo dende os 12 anos ligada a este deporte, primeiro nas escolas municipais e, logo, no club. Algunha tempada tiven que parar por lesión, pero ata agora. Sempre me gustou o deporte, aínda que destaquei máis no bádminton. Nesta modalidade introducinme a través dunha xornada de captación no colexio, pero enganchoume e, despois, decidín formarme.

—Nos últimos días anunciaron, primeiro, un relevo xeracional nos distintos cargos e, logo, unha reunión coa Federación Galega e co Concello. En que andan traballando?

—O obxectivo principal é volver poñelo en auxe, xa que polo covid, o ano pasado non competimos nas categorías base. Esta tempada xa hai algún equipo en liza, pero a idea é coller forza de cara a seguinte. Son a canteira dos primeiros equipos. A idea tamén é non só centrarse en Camariñas, senón expandir o balonmán pola Costa da Morte. Agora as viaxes fánsenos bastante pesadas tanto economicamente como para a rapazada, porque temos que ir ata a Coruña cos benxamíns e alevíns. A longo prazo gustaríanos crear unha liga da Costa, como a de fútbol, para estes conxuntos, sobre todo. Por iso imos traballar as tres entidades para fomentar o balonmán, darlle unha volta para volver brillar.

ana garcía

—Afectoulles a pandemia?

—Si, moito. Estamos sobre os 80 deportistas cando antes manexabamos unha cifra duns cen. O que nos enche de orgullo é que practicamente todos e todas son do pobo e se formaron no Balonmán Camariñas. Hai algún ou algunha integrante de Muxía e Vimianzo, concellos cos que, ó rematar a tempada, queremos xuntarnos para ver a posibilidade de ofertar a actividade neles. O obxectivo para esta é acabar o mellor posible en canto ao número de rapaces e rapazas.

—Cantas formacións teñen?

—Unha benxamín, outra alevín, unha cadete masculina e outra sénior feminina están competindo. Ademais, contamos coa sección kids, de 4 e 5 anos; cos prebenxamíns, que é a seguinte categoría, e tamén hai un grupo de rapazas de categorías infantil e cadete, que están adestrando. Non xuntamos xente suficiente para sacalos esta campaña.

—Que pasou co sénior masculino?

—Tiñamos falta de xogadores e, para fichar, necesitabamos un pouco máis de solvencia. Decidiuse parar un ano para coller impulso. É a primeira vez en 27 anos que ten o club que non hai este equipo. Centrarémonos en volver sacalo e competir, sen fixarse metas.

—Este conxunto tiña unha débeda coa Federación Española. En que situación está agora?

—Intentando liquidala, reducíndoa por prazos, pero xa mirando cara o futuro. Estamos buscando formas, patrocinios, para que ese problema vaia a menos.

ana garcía

—Dende hai uns anos, a colaboración do consistorio volveuse clave para a entidade.

—Si, apóianos a través de subvencións, mais este ano o patrocinador principal é a Mostra do Encaixe. Temos novos equipamentos, encargouse de todos eles. Lucimos o seu logo. Esa axuda é fundamental, ir da man para poder avanzar.

—A desaparición de todo un referente seguro que tamén tivo as súas consecuencias no club.

—Si, temos menos visibilidade. Tamén nos afectou moito o virus ao non poder celebrar eventos sociais. Esperamos poder retomalos pronto cando a situación sanitaria mellore para sumar esa ilusión do pobo e seguir medrando.

—Ao que lle vai moi ben é ó seu equipo na Primeira Autonómica.

—Si, de nove conxuntos estamos sextas con dez puntos. Loitando no medio da táboa para quedar o máis arriba posible. A verdade, este ano tivemos unha evolución positiva e o obxectivo é consolidarnos, dar un paso adiante para o futuro. No partido desta fin de semana empezamos fortes e gañamos por 36-14 ó Pasiva Galicia.