Camariñas

Vicente de Lema

CAMARIÑAS

06 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

artesanía debería ser como o ouro, un valor refuxio en tempos de crises. Cando hai medo a que os cartos coticen á baixa, os inversores van a polo rei dos metais, porque o ouro nunca deixa de ser prezado e tarde ou cedo dita a lei das equivalencias e fixa o que vale en realidade unha moeda. O mesmo debería suceder coas pezas feitas a man coa arte, a paciencia e a alma que lle poñen os que se dedican a estas tarefas tan estimadas noutro tempo. Unha destas é a puntilla. A expresión do tempo e do fío convertidos en fermosura. A vindeira fin de semana, Camariñas celebrará a 30.ª edición da Mostra do Encaixe, un acontecemento xurdido nos albores do Estado constitucional, coincidindo cos primeiros mandatos das corporacións democráticas. Foi unha novidade rompedora. Un invento colosal nunha bisbarra falta de iniciativas e que daba xiros sobre si mesma sen saír da periferia sociolóxica. Foi unha explosión de ilusión para toda a Costa da Morte. Unha autoafirmación dos seus valores. Antes de aqueles tempos, a puntilla vendíase case ao peso. Era un recurso de gran calidade, pero sen selo de distinción. A súa boa cotización non se correspondía coas retribucións en orixe a quen debullaba esas formas imposibles cos seus dedos día a día, noite e noite. De pronto, unha feira, das boas, con moita dignidade, unha difusión nunca vista, miles de persoas querendo ver, comprobar, saber e encontrarse cos rostros anónimos que convertían os fíos en obras de arte. Chegaron os desfiles con creacións que traían un aire fresco á imaxe e á estética. Novas aplicacións, un mundo a descubrir. As palilleiras, por fin, e despois de moito tempo de anonimato, tiñan a súa festa. A mellor maneira de pórlle escaparate a unha arte de séculos.