Seis escenarios únicos para achegarse aos naufraxios con teatro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Bernardino Martinez, nunha das representacións no Cemiterio dos Ingleses
Bernardino Martinez, nunha das representacións no Cemiterio dos Ingleses BASILIO BELLO

Aantena promove seis representacións para este mes nos concellos de Muxía, Camariñas, Malpica Carballo e Laxe

08 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O teatro como difusor da cultura inmaterial da Costa da Morte a través das historias dos naufraxios é o eixo sobre o que xira a iniciativa «Costa da Morte: Naufraxios», unha actividade organizada por Aantena (Bernardino Martínez e Xosé Leis) e que se acolle ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21 da Consellería de Cultura e Turismo. Serán varias as datas, todas elas no mes de agosto, para poder gozar destas representacións, nas que os lugares se converten en personaxes dentro das escenas narradas polos actores. Son espazos ben simbólicos e mesmo relacionados cos propios acontecementos: Praia de Traba (Laxe), Punta da Barca (Muxía); Praia de Razo (Carballo), Ermida de Santo Hadrián (Malpica), Cemiterio dos Ingleses (Camariñas) e Praia de Lobeiras (Arou): en cada un deses lugares contaranse as historias propias dos barcos afundidos na Costa da Morte. Esténdese, pois, o ámbito desta proposta, que xa se viña facendo en Camariñas nos últimos veráns.

Anotarse previamente

Bernardino Martínez, Alicia Baña, Andrea Rodríguez e Antonio de Valdivieso integran o elenco, acompañados á música por Klaus Martínez. Produce Bernardino Martínez e dirixe Xosé Leis. Todas as intervencións serán gratuítas para o espectador, e nelas colaboran os concellos correspondentes. O covid-19 leva a tomar unha serie de medidas, como son a obrigatoriedade de anotarse previamente en www.aantenasc.com, a obrigatoriedade de emprego de máscara ou a disposición do público en cadeiras, coa precisa distancia de seguridade. As prazas son limitadas a 100 persoas en cada un dos lugares e a inscrición pecharase un día antes de cada función. Todas elas, ás 23.00 horas. Anote:

  • Traba de Laxe: 13 de agosto
  • Cemiterio dos Ingleses, no municipio de Camariñas: 14 de agosto
  • Punta da Barca, en Muxía: 15 de agosto
  • Praia das Lobeiras (Arou), tamén no concello de Camariñas: 16 de agosto
  • Ermida de Santo Hadrián, no municipio de Malpica: 21 de agosto
  • Praia de Razo, no municipio de Carballo: 22 de agosto