Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas: «O coronavirus trastornou todo»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

ANA GARCIA

UN ANO DE CORPORACIÓNS | ENTREVISTA Á ALCALDESA DE CAMARIÑAS E AOS VOCEIROS DA OPOSICIÓN | Sandra Insua di que este primeiro ano foi estable, pero que hai tres meses que case está todo parado e que aínda hai moita incerteza

27 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sandra Insua (A Ponte do Porto, 1976) estreouse o pasado 2019 como rexedora electa. Meses antes relevara xa na alcaldía a Manuel Valeriano Alonso de León, Pichurri. Nos comicios conseguiu manter firme en Camariñas a maioría socialista, con 8 edís dos 13 da corporación. «Experiencia tiña moita, pero colleume o toro», di sobre o forte que o coronavirus impactou na xestión municipal: «De pandemias non sabía nada».

-Como valora este ano?

-Foi un ano estable no que fomos corrixindo cousas e facendo xestións importantes, pero hai case tres meses que estamos parados en todos os sentidos. Intento conseguir os terreos para o centro de día a custe cero para o Concello: está o presidente da Deputación agardando isto para firmar o convenio de construción. Nestes meses empezarán tamén un bo número de obras en A Ponte do Porto... Estamos moi pendentes do que vai pasar, porque interventores e secretarios repiten todos os días que imos sufrir recortes graves, que hai que intentar cambiar o sistema de política... Foi un ano bo e tranquilo, cunha maioría e cunha oposición que sobre todo agora en canto ao coronavirus estivo moi colaborativa, pero o covid trastornou todo. Todo o que tiñamos pensado, ambicioso, xa me dá máis medo. É unha incerteza moi rara.

-¿E a cuestión da lonxa vella para museo?

-Dende Portos pedíronnos que detallásemos un pouco máis o proxecto, polo que a día de hoxe aínda non temos a concesión da lonxa. Cando a teñamos, enfocarémolo por aí, por un Museo do Mar. Eu tiña ganas dun auditorio, pero din que non se pode combinar ese uso co da zona portuaria. Iso si, tan pronto teñamos a concesión o primeiro que quero facer, aínda que logo tarde en conseguir unha subvención para o proxecto, é adecentala, quitarlle ese xardín que ten no tellado e adecuala a un municipio turístico como é Camariñas.

-Parece que o Pepri avanza.

-Estaba xa bastante desenvolvido cando marchou Pichurri. Houbo que corrixir, incluír as alegacións dos veciños... aprobouse por fin na comisión de goberno do xoves pasado e agora remitirémosllo á Xunta para, logo, de volta, aprobalo definitivamente. Hai bastantes persoas pendentes diso para obrar. Creo que é importante intentar manter o pouco que nos queda, aguantar da zona histórica, que ás veces é unha descoñecida, pero é moi fermosa.

-Ía ser unha Mostra do Encaixe especial... e ao final foino.

-Ía ser, si, pero cambiou todo. Parece que xa non me acordo do que había antes do coronavirus, porque ata mudou a maneira de priorizar as cousas. Faremos a 30.ª edición para o ano que vén, se se pode, e ao mellor incluso con máis ganas. Non só é artesanía, é a un acto cultural global.

-¿Tocoulle de preto o covid-19 e todo o que supuxo?

-Tocou, que tiven que pechar o hotel, cancelas as reservas...! Como hoteleira que tamén son, sentino polas persoas que traballan nel, porque viven dese traballo e tiveron que ir ao paro. O 15 de xuño abriremos e esperamos salvar a tempada. Xa digo, sobre todo por elas.

-Cre que o que queda de mandato vai estar profundamente marcado polo coronavirus?

-Si, totalmente. Lembro que no 2008 tiveramos que facer no Concello un plan de axuste grandísimo. Deixaramos de facer a escola de teatro, de yudo, o balonmano... Quitaramos a media dedicación de Maricarmen Linares, reduciramos o soldo nun 20 %.... Fora un ano moi complicado. A cabalgata de Reis non tivo partida orzamentaria... A ver se consigo que agora non pase iso, aínda que, xa digo, os interventores póñenche moito medo. Ademais temos a lei de Montoro, que nos ata de pés e mans. Economicamente estou algo pesimista. Non sei se flexibilizando a lei, coa posibilidade de contratar nós... xeraríamos traballo e ao mesmo serían menos custes para o Concello. Pero como non haxa un cambio lexislativo importante... creo que van ser uns anos moi duros.