Faleceu a artífice da renovación pedagóxica en Camariñas

Obituario | Auri Guerrero dedicou 34 anos da súa vía ao ensino no colexio e no instituto da Ponte do Porto


Carballo / la voz

A Ponte do Porto e Camariñas acaban de perder unha mestra exemplar. Auri Guerrero Pérez, que no vindeiro día de san Xoán cumpriría 69 anos, finou o venres pola noite. Atrás deixa un impagable labor de renovación pedagóxica no municipio camariñán

Natural de Betanzos e filla dunha profesional do ensino moi apreciada no seu ámbito, chegou á Costa da Morte no curso 1969-70. O seu primeiro destino foi Santa Mariña do cabo Tosto, parroquia de Xaviña.

Era unha persoa con moitas inquedanzas, viaxeira incansable que sempre buscaba ver e aprender algo novo. Logo foi destinada a El Campillo, en Huelva, onde se achegou ao mundo mineiro de Río Tinto. No ano 1978 volveu para Camariñas, para o colexio da Ponte do Porto, onde formou parte dun grupo de profesionais do ensino que lle deron unha volta á concepción da formación no rural. Con Xavier Sesma, Silvia Lijó e Emilio Roca, que logo sería o seu compañeiro inseparable para sempre, formarían un equipo que ela liderou como directora entre 1986 e 1992.

Nese tempo implantáronse novas formas de ensinar. «Ser mestra é moito máis ca instruír», era unha especie de lema de grupo de mestres vocacionais que sempre estaban á procura da pedagoxía de vangarda.

Neses tempos, no centro puxéronse en marcha programas deportivos (ela mesma fora xogadora de hóckey herba), psicomotrocidade relacional, actividades estacionais, como o entroido, o achegamento ao encaixe como posta en valor da artesanía local, e todo nun ambiente de continua renovación. Auri era «unha persoa sempre tolerante. Convencía, nunca impoñía», explica dende o País Vasco o seu compañeiro e amigo Xabier Sesma.

No ano 1998 liderou, tamén como directora, a posta en marcha do instituto de A Ponte do Porto, o Pedra da Aguia. «Era unha muller entregada á súa profesión», lembraba unha colaboradora súa, Silvia Lijó. Dedicoulle 34 anos da súa vía ó ensino en Camariñas. Especialista en educación infantil e galego, acabou os seus últimos anos impartindo esta materia, ao tempo que se implicaba en actividades culturais no pobo. No 2011 xubilouse. As viaxes e as andainas eran unha das súas afeccións, coas que fixo moitos amigos.

Concello de Camariñas fixo público un comunicado no que destaca a «entrega persoal desta muller cara a innovación pedagóxica e o impulso a cultura». E considéraa como unha persoa «agradable, dialogante e colaboradora coas institucións». Tamén o Seminario de Estudos Comarcais, a través do seu presidente, Xosé María Lema, expresou as súas condolencias pola perda de Guerrero, que era socia da entidade e destacou o seu labor no club de lectura Pedra da Aguia, xunto con Emilio Roca.

Moitos amigos seus lamentaron non ter a oportunidade de se despedir como merece desta muller calada e amable que deixa tanto pouso de bondade detrás de si.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Faleceu a artífice da renovación pedagóxica en Camariñas