Mauricio Aufiero: «A situación do Concello é bastante penosa»

v. couto / s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

BASILIO BELLO

26M: AS MUNICIPAIS | Leva catro anos na política. Critica a falta de servizos, e aposta por traballar moito de cara ao emprego e o coidado dos maiores

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mauricio Aufiero Vigo (43 anos) repite candidatura á fronte do PP de Camariñas. É empresario de hostalaría.

-Como ve a situación do Concello?

-A situación do Concello, dende o meu punto de vista, é bastante penosa. Hai unha carencia de servizos, carencia de mantemento, e isto necesita un cambio urxente. Estamos perdendo moitísima poboación, e cada vez imos a menos.

-Cales son as súas expectativas de cara ao 26 de maio?

-As nosas expectativas son as de, por fin, arrebatarlle a maioría absoluta ao PSOE, e demostrar que un cambio en Camariñas é posible.

-Que destaca do programa do Partido Popular?

-Para nós o principal é a creación de emprego e os nosos maiores. Levamos unha iniciativa que é instalar unha Casa do Maior en cada parroquia, para que non se teñan que andar desprazando cara ao núcleo, senón que cada un sexa atendido na súa, iso é algo básico e fundamental, é o futuro do coidado dos maiores. Que ademais hai que reforzar ampliando a axuda no fogar, iso é algo moi importante para o futuro de Camariñas.

-Que pode dicir da lista, da xente que vai con vostede?

-É un grupo metade novo, metade que repite, con moita forza e moito ánimo, que está moi preocupado polo desenvolvemento do Concello nestes últimos anos, e que ven que un cambio é necesario. Teñen moitas ganas de facerse partícipes deste cambio necesario que estamos a punto de acometer en Camariñas.

-Vostede xa acumula catro anos de experiencia política. Arrepentido ou contento, como o leva?

-É difícil compaxinar a vida política coa familiar, consome moito tempo. Pero, sabendo o que podes conseguir coa política, axudarlle á xente, botarlle unha man aos teus veciños, por iso si que compensa. Así que non estou arrepentido.

-Vostedes xudicializaron a vida municipal?

-Non. Dende que entramos nós só houbo unha denuncia por un tema de contratacións da alcaldía, e iso foi despois de avisarlle varias veces, pero chega un momento en que te cansas de avisar e acodes á Xustiza. É a única denuncia activa. O que diga que xudicializamos non di a verdade. Outra cousa é que neste mandato se resolveron temas que viñan de atrás e tocoulle nesta época, pero era algo que non o impulsaramos nós.

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: A favor
  • Aborto: A favor con matices
  • Investigados nas listas: Inocentes ata demostrar o contrario
  • Traslado de restos de Franco: Non é importate a estas alturas
  • Referendo Cataluña: En contra
  • Acollida refuxiados: A favor con matices
  • Eutanasia: Morte digna
  • Cambio lei violencia xénero: Hai que endurecela
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor

Preferencias

  • A que hora se ergue? 7.45
  • Que almorza? Leite, pan, galletas
  • Prato preferido: Carne
  • Que non comería? Probo de todo
  • Bebida preferida: Auga
  • Equipo de fútbol: Camariñas
  • Que coche ten? BMW
  • Unha afección: A política
  • Un lugar: Camariñas
  • Que tarefas de fogar realiza? Reparto coa muller

Artes e letras

  • Escritor favorito: Umberto Eco
  • Último libro que leu. Los pilares de la tierra
  • Última película que viu: Non teño tempo, series como Juego de Tronos
  • Un artista: Pablo López
  • Un actor: Robert de Niro
  • Unha actriz: Nicole Kidman
  • Un cantante: Pablo López
  • Tipo de música: De todo
  • Deporte que practica: Agora, nada. Xoguei ao baloncesto
  • Unha viaxe pendente: Coñecer máis a fondo Galicia.

A lista

1. Mauricio Aufiero Vigo

2. Paula Mouzo Mas

3. Santiago Pose Parga

4. Carlos Mouzo Méndez

5. Yolanda Fernández Pájaro

6. Isabel Romero Castro

7. Albano Lista Romar

8. Manuel Vázquez Pardiñas

9. Rubén López Castro

10. María Reyes Romero Martínez

11. Sandra Carril Romero

12. María Mercedes Mouzo Castro

13. Francisco Antelo Lema