As pantasmas de Man

Xosé Ameixeiras
x. ameixeiras CAMELLE

CAMARIÑAS

Ana Garcia

. Dequenquén protagonizou en Camelle unha viaxe dramática á vida e obra do Alemán

02 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Man fíxose real na Casa do Alemán. Dequenquén protagonizou unha viaxe dramática á vida e ás pantasmas de Manfred Gnädinger. Un regreso á adolescencia, á madurez e á vellez do artista. Saltando de diante para atrás pola biografía de Man.

O Manfred novo, o Man xa vello, en diálogo continuo: «Ti só contra o mundo». Dille Manfred a Man, «un colono» en Camelle. Giuliano Lancelotti, o alemán adolescente; Paco Albarellos, como Man; Alicia Baña, Andrea Rodríguez e Bernardino Martínez foron os artífices das recreacións de imaxes vividas en Camelle coa presenza do anacoreta. Dirixiu Xosé Leis, con textos de Bernardino Martínez.

Había xente emocionada entre o pouco público asistente. A memoria dun «artista que quería deixar un legado para despois da súa morte»: «Que cada día que pase eu siga vivo», proclama o artista xa convertido nun personaxe, coas súas loitas, as súas penalidades e os padecementos dun home que chegou a sufrir os rigores da Xustiza.

«Formo parte de Camelle»

«Eu formo parte de Camelle», acaba proclamando. Este pobo da Costa da Morte foi o seu paraíso e o seu inferno ao mesmo tempo. En fin, unha crónica dunha traxedia. Un espectáculo dinámico que se espallou polos recunchos dunha Casa do Alemán que o luns semellaba un espazo vivido nos que a presenza de Manfred era real.