Moi viva

Vicente de Lema

CAMARIÑAS

11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai días, pero, en xeral, a Costa da Morte é un espazo moi vivo. Ou polo menos, con moitas ganas de vida. Nestas xornadas de festa, nas que moitos fixeron unha ponte ben longa, houbo xente que traballou arreo para sacar adiante negocios, proxectos, iniciativas, propostas e actividades. É difícil ir pobo a pobo, pero en moitas localidades houbo propostas de todo tipo. Outra cousa é xa que a xente responda. Adoitan estar más interesados os visitantes que os propios parroquiáns. En Camariñas soou a palillada, esa música tan propia da vila. En Dombate houbo poesía, cestos, visitas guiadas e ata astronomía nocturna. A conferencia de Jorge Mira prolongouse o sábado ata case a media noite. Parecía incrible hai uns anos que ese espazo que nos fai viaxar ao Neolítico puidese exercer tamaña atracción co gallo de variadas e múltiples iniciativas compaxinando un monumento, xa de por si fascinante, co engado da música, a artesanía, a literatura, a ciencia, un espazo múltiple de sensacións e todas boas. Algo semellante sucede co Castelo de Vimianzo, onde, unha vez máis, lle deron unha volta á vinculación dos fortes muros medievais coa artesanía. Unha viaxe ao pasado cos pés no presente, e a xente encantada. E en Laxe, onde nos últimos tempos fixeron latexar con forza o Museo do Mar, acolleu a entrega dos premios ás mellores fotografías do concurso sobre os Penedos de Pasarela e Traba. Este centro de exposición laxense préstase para moitos actos, como os que adoita acoller ultimamente. E todos coas fotografías dos Vidal dándolle unha mirada de pasado. E con respecto aos Penedos, precisamente hoxe, cúmprense dez anos da declaración desta paraxe como Paisaxe Protexida. O dito, moita vida por diante.