«Somos de pesca sostible. Isto ten que ir avante, pero a base de non queimar»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

DIEGO ALONSO FREIRE

O novo presidente do cabildo de Camariñas, Ramón Lema, quere vender o marisco cando os prezos están altos e pechar cando baixan

25 nov 2018 . Actualizado a las 22:40 h.

O 82 % dos socios da Confraría de Camariñas votaron en setembro nas eleccións para renovar a asemblea, probablemente a porcentaxe de participación máis alta de Galicia. Case desde o principio estaba claro que habería un cambio e que Ramón Lema Romero (Dor, 1965) sería o patrón maior.

-¿Por que decidiu presentarse?

-Eu era secretario da agrupación de mariscadores. Ao principio funcionaba máis ou menos, regular, pero nos dous últimos anos non foron alá moi ben e decidimos Noemí Garrote, que agora é a presidenta, presentar una candidatura.

-¿Que pasou neses dous últimos anos?

-Todo se deixou da man de Deus, pero estabamos en minoría e fixeron o que lles parecía.

-O marisqueo é moi importante en Camariñas.

-Somos máis de cen familias que vivimos diso. Este ano foi supostamente fabuloso, sen temporais..., pero non sementamos, non traballamos, non vixiamos e non vendemos como debíamos. De verán teriamos que coller 14 quilos e non dez porque chegou aos 8 ou 9 euros e agora vai a 3. Non ten sentido. Podes preguntar a calquera mariscador, só sacamos 400 euros libres ao mes.

-¿Cal é a razón desa mala xestión?

-A min no me vai falar mal da xente que xa non está, pero eu creo que o presidente ten que vivir do río, porque se teño unha casa rural ou un soldo doutra cousa... Non pode ser.

-O difícil, as veces, é atopar comprador.

-Non, se buscas aparecen. Pero hai que dedicarlle tempo. Estivemos quince días por Cambados, Fisterra e Noia. Non podes esperar a que che veñan a casa, ninguén che vai regalar nada e todo se pode conseguir a base de constancia.

-¿Por que cre que houbo tantísima participación nas eleccións?

-A xente estaba moi descontenta e non quixo quedar na casa. A presidenta da agrupación de mariscadores e máis eu somos de pesca sostible. Isto ten que ir avante, pero a base de non queimar. Antes arrasábase con todo e o mar está esgotado. Nas nosas praias traballouse sen xeito. Agora a responsabilidade é para nós que acabamos de chegar.

-Pero a situación non sería ningunha sorpresa para vostede, que era secretario da agrupación.

-Pedimos que nos deixen traballar e sabemos que o primeiro ano ímolo pasar mal. Sacamos 400 euros cando todo vai boiante e non creo que poida ir peor. Aproveitaremos os prezos altos. O ano pasado, polo Nadal, pagaron a berberecho a 1,80 euros. Foi unha vergonza, nós mesmos tiramos cos prezos

-¿Como levan o proxecto de acuicultura na ría?

-A confraría ten o 25 % e Cerdeimar, o 50 %. O outro 25 % é de Muxía. O problema é que non se explicou á xente do mar para que o entendera. Poñen as cordas onde van largar as nasas, os miños e as betas. A semana que vén teremos unha reunión para falar. Ao mellor poden movelas cen metros. Con diálogo pódese chegar a todas partes, pero hai que explicar porque a confraría é dos mariñeiros. Cando entrei quedei sorprendido. Se empezo de cero lévoo avante, pero as cousas son como son e teño que comezar agora. Como a fábrica de xeo. Vendéronos que estaría lista en setembro, non hai nada feito e agora teño que romper a cabeza.

-Daquela foi vostede un pouco enganado.

-Se chego a saber que as cousas estaban así, ao mellor non me presentaba.

-En Camariñas dá a sensación de que hai dous bandos e de que a política ten bastante que ver.

-Pode ser, pero, pola miña parte, dáme igual. Eu son apolítico totalmente, loito polo noso, polo benestar da miña xente, sexa de esquerdas, de dereitas ou de centro, non me importa. Os que me veñen con loitas políticas non os quero escoitar.

-Pero no seu cargo hai que facer algo de política.

-Se teño que falar co PSOE, falo co PSOE e se teño que falar co PP, falo co PP. Dáme igual a afiliación.

-Queixase a vostede da situación do percebe.

-En Camariñas somos medio raros e temos unha costa moi pequena, que non da para vedar. Pero foi culpa nosa e non dos de Camelle. Se un quere algo ten que loitar por iso e nós non o fixemos.

-¿Teñen problemas cos furtivos?

-No marisqueo levámolo moi mal. Ata o de agora foi un desastre e agardamos que vaia moito mellor.

-Moitas veces os que collen de máis son os propios mariscadores.

-Algunhas veces pasa que o raposo está no galiñeiro. Pero nós, un dos maiores problemas que temos, é nas praias no verán. A Consellería do Mar fixo unha campaña. Un quilo de berberecho non é nada, pero se hai cen persoas, xa son cen quilos.

-¿Cal é a súa principal aspiración?

-Conseguir que a miña xente poida vivir do mar dignamente. O fundamental é a unión para conseguir iso. Estou disposto a escoitar a calquera se me argumentan, se a crítica e construtiva e non falan parvadas.