«Non hai bo trato para investigación»

O médico Alfonso Mariño, director médico do Centro Oncolóxico de Galicia, di que «hai que sacarlle o estigma ao cancro» e que morre máis xente polo corazón


carballo / la voz

Alfonso Mariño leva días ofrecendo charlas sobre o cancro. Do de mama falou onte en Camariñas. É o xefe do departamento de radioterapia do Centro Oncolóxico de Galicia, do que e tamén director médico.

-¿Como está a investigación contra o cancro?

-Estase facendo o suficiente cos medios que hai, aínda que hai déficit económico para investigar. Hai universidades que están traballando moito, que teñen mecenas, e a industria farmacéutica tamén, loxicamente, porque lle interesa sacar rendemento.

-¿Que importancia ten no marco da loita contra a enfermidade?

-É fundamental. Vaise vencer cos resultados que nos dean os estudos. Os avances que estamos a ter en tódolos campos é debido as investigacións que se fixeron, que indicaron por onde debían ir os tratamentos, clasificáronse os tumores doutra forma. Sábese que non son todos iguais. O cancro de mama, de próstata ou de colon, non é so un, hai moitos e agora sabemos que hai que tratalos de forma diferente. Eu penso que estamos no 30 % do que debemos saber. Aí está o problema de acabar coa enfermidade porque faltan moitos factores que se van obter coa investigación.

-Repito a pregunta. ¿Cree que estamos facendo todo o que podemos en investigación?

-Intentos fanse, suficientes, probablemente non. Os investigadores básicos, os que estudan os mecanismos celulares que poden levar a que un tumor se desenvolva, láianse de que non están debidamente atendidos nin remunerados porque un traballa para vivir. Nós vivimos do que os investigadores nos dan.

-Sabemos que marchan moitos.

-Si porque noutros países bríndanlles oportunidades que aquí non se lles dan. É certo que a crise fomentou esa diáspora, pero xa antes a xente marchaba. Noutros lugares hai maior cultura da investigación. Estados Unidos sempre se lucrou de cabezas brillantes que lle brindaron países coma o noso. É xente que só coñecemos cando lle dan un premio. Pero aquí tamén hai grandes investigadores que decidiron quedar. E logo hai algúns que traballan desde España con contactos en todo o mundo. Pero non hai bo trato para a investigación.

-¿Por iso a xente que pode marcha a Estados Unidos? Sabemos do caso do fillo de Ana Obregón.

-Ese é outro tema. A veces a xente marcha de aquí por motivos de discreción... Pero para facer un tratamento, hoxe en día, cos coñecementos que hai, pódese facer igual aquí que en calquera outro sitio. Outra cousa é a investigación. A nivel de tratamento, a sanidade española é a galega están en condicións de ofrecer o máis avanzado que hai. O que hai que ver é como se paga iso, porque cada día é máis caro. Son moléculas que xurdiron da investigación da industria e ten que lucrarse polos cartos que investiu. Pero están aquí e en todas partes.

-A investigación compártese.

-Si, porque unha vez que un saca unha molécula ten interese de que se expanda a nivel mundial porque van ser beneficios...

-¿É un problema chegar a un diagnóstico precoz?

-Ante a mínima sospeita de que pode haber algo creáronse vías rápidas para as patoloxías máis prevalentes como o de mana, o de colon e no de próstata non é oficial, pero a homes maiores de 50 anos estanlle pedindo os PSA, que pódese discutir se está ben feito, pero faise. Estase chegando no tempo no que se pode chegar. A sanidade ten áreas saturadas, pero cando algún profesional ten a máis mínima sospeita de que pode haber un cancro tómanse as medidas o máis rápido posible. Hai probas que se retrasan, pero haberá que ir pouco a pouco. Tamén está o interese que lle poña a propia persoa... Porque hai certo temor e iso é o que tratamos nas charlas.

-¿Que influencia ten que saia Terelu dicindo que ten cancro?

-Que se fale é bo, porque cando estamos a falar cunha persoa informada as cousas rodan moito mellor. Cada vez vemos menos iso de «non lle diga nada», esa intención protectora sobre os demais. Antes había moito, pero agora non se ve. Eu entendo a preocupación, pero a xente morre máis de problemas cardio circulatorios que de cancro. Nos menores de 14 anos a primeira causa de morte son os accidentes domésticos e coidamos pouco o ambiente da casa ou deixamos que suba a unha cadeira. Hai que sacarlle ese estigma ao cancro.

-O de mama é un dos de mellor pronóstico, pero tamén hai xente que morre. O venres mesmo foi unha carballesa de só 34 anos.

-Conseguíronse resultados tremendos nestes últimos 20 anos. Cando o diagnóstico é precoz aos 10 anos seguen vivas o 90 %. Iso é unha cifra moi importante. Pero non só se dá no de mama. Se localizamos pronto calquera tumor, en calquera localización a posibilidade de curación é exponencial. Pero é certo que a xente sigue a morrer de cancro. A medicina non ten solución para todo. Curamos cando podemos e intentamos coidar e aliviar sempre. Pero tamén hai que vixiar, acudir ás mamografías....

-Vai moita xente.

-Sí, a asistencia é dun 80 %.

-¿Somos cumpridoras?

-Xa foron máis. Os homes eran menos cumpridores antes. Tamén había esa cousa de que os homes non choraban, que non tiñan de que preocuparse... Pero iso pasou. Os homes tamén se coidan, tamén teñen medo.

-¿Hai avances na radioterapia?

-Eu levo na oncoloxía radioterápica desde o ano 90 e non ten absolutamente nada que ver coas técnicas e os protocolos que utilizamos agora. Cambiaron os tempos de administración de tratamento e hai menos toxicidades. Hai moito tempo que se sabe que o cancro é o paradigma das enfermidades que requiren un tratamento multidisciplinar. A radioterapia é un máis, que ten os seus inconvintes cando se está a administrar, pero cada vez coidamos máis esa parte. Avances hai, fálase de radioterapia intraoperatoria. No noso centro levamos tempo falando de que temos que instaurala e adaptala ás nosas posibilidades. Despois da gran renovación tecnolóxica dos últimos dous anos, a raíz da doazón de Amancio Ortega, o nivel da oncoloxía radioterápica en Galicia púxose a nivel dos mellores.

-Estas doazóns son normais en Estados Unidos.

-Sí. Estando eu en Sevilla, de residente, veu falar un dos líderes do cancro de mama e no seu hospital de Detroit, un multimillonario comproulle un acelerador e el contábao a todo o mundo.

«A nivel tratamento, a sanidade española e a galega ofrecen o máis avanzado que hai»

«A raíz da doazón de Amancio Ortega a radioterapia oncolóxica púxose a nivel dos mellores»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Non hai bo trato para investigación»