Unha novela que se le soa

Vicente de Lema

CAMARIÑAS

19 ene 2021 . Actualizado a las 23:54 h.

O río Anllóns desembocaba no Atlántico como protestando, dando mil voltas e perdéndose en mariñas». Hai novelas que se len soas. Un corre o perigo de mirar unhas liñas e xa non as pode deixar ata rematar. O exército de fume é unha novela de acción, pero tamén o é de historia. Unha ficción envolta en realidades e personaxes recoñecibles: posguerra, espionaxe, guerrilleiros, fame, combates aéreos, titanio, volframio... Corre o ano 1942. Galicia aínda sangra pola guerra civil e, fronte á Costa da Morte, alemáns e aliados loitan polos marcos do mar. Mentres, guerrilleiros e fuxidos sobreviven e cobran débedas. E mais o artista Lugrís, que arrastra sentimentos de vello sen cicatrizar. Todo envolto nun sarillo, con nazis animadores dunha acción que parece levar aos infernos, que acaba desenleándose de maneira vertixinosa. Reivindica o autor heroes que considera esquecidos. Unha mestra dunha aldea de Laxe acaba xogando un importante papel no loita contra unha base de submarinos en Valdeareas, nunha mina de titanio. Os canteiros de Brántuas, como os Ghoighés, Isidro Parga e mesmo o Louro de Camelle acaban con intervencións transcendentes para evitar o éxito dos nazis. Manuel Gago viste a súa novela con roupaxes da Costa da Morte, que está permanentemente presente nas páxinas deste relato de catrocentas e pico de páxinas cheas de acción, desenganos, esperanzas, valentías, heroicidades e, tamén, amor, en doses ben repartidas, nun envoltorio histórico encadrado con cores finas. Un novo libro sobre este noso Fisterra fascinante que continúa alimentando fantasías.