Cristovo de Carnés: a traizón dun santo cruel

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

CAMARIÑAS

SANTI GARRIDO

APUNTES HISTÓRICOS | Hai 160 anos, once persoas volvían da festa vimiancesa e atoparon a morte cruzando o río. A falecida de máis idade tiña 60 anos, e o menor era un neno de 6, todos de Camariñas

23 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O día de Reis de 1902, dezasete persoas que viñan da feira morrían afogadas ao envorcar a lancha na que cruzaban o río Ézaro en dirección a Carnota. Falamos deste naufraxio hai un tempo nestas páxinas. Agora, un mes e pico despois do san Cristovo de Carnés e a súa centenaria faghía, cómpre lembrar outro lamentable naufraxio fluvial, ocorrido corenta e catro anos antes, en 1858. Non só o mar enguliu moitas vidas nas travesías marítimas ou nas xeiras do perigoso traballo mariñeiro. Tamén o fixeron os ríos, e tamén a propósito doutra vertente da mísera vida dos homes e mulleres da Galicia decimonónica: a romaxe e a conseguinte festa.

Aínda que a deontoloxía periodística postula que o rumor non é noticia, no xornal coruñés El Fomento de Galicia lemos na sección Gacetilla do 17 de xullo de 1858: «Catástrofe. Se nos acaba de asegurar que en las inmediaciones de Camariñas ha naufragado una lancha que conducía un gran número de personas pereciendo ahogadas once y un niño, y salvándose las demás, merced al auxilio que les prestó una barca que cerca de ellas venía. Dudamos de la certeza de esta noticia y si par desgracia llegase a confirmarse daremos a nuestros lectores mas detalles».

En efecto, non era rumor, por desgraza. O 22 de xullo, o mesmo xornal, agora na Sección de Noticias, confirma oficialmente a devandita catástrofe. Porén, a información é demasiado sobria: «Una lancha que conducía porción de personas que regresaban de la romería de San Cristóbal de Carnés naufragó en el río del Puente del Puerto, pereciendo diez mujeres y un niño que no pudieron salvarse a pesar de los esfuerzos de los tripulantes de la lancha náufraga y de otra que la seguía».

Fronte á aséptica nota do xornal, o libro de defuntos de san Xurxo de Camariñas sitúanos ante a traxedia en toda a súa crueza, con nomes e apelidos que hoxe recordaremos. José María Cavanas, presbítero cura propio de «san Jorge de Buría y Villa de Camariñas» asenta no libro, cunha redacción practicamente idéntica e acaso todos dunha vez, os nomes dos once falecidos -non doce, como sinala o rumor inicial-, con data de 13 de xullo.

Engade que o accidente se producira, efectivamente, na tarde do día 11, o día despois da festa do patrón de Carnés, cando os romeiros volvían ás súas casas desde esta parroquia vimiancesa. Non estrañe que escriba unhas veces que naufragaron no mar, outras na ría, pois neste tramo río e mar se funden e confunden. Finalmente, apunta o crego nas defuncións «el reconocimiento facultativo a que se refiere el Ayudante de Marina de este puerto», chamado outras veces «Caballero Ayudante de Marina».

Salvo unha viúva de 60 anos e un neno de 6, todas eran mulleres solteiras, a de maior idade con 34 anos. Parece que todos os mortos eran naturais e veciños de Camariñas. Ata tres pares de irmás faleceron nas augas do río camariñán. Bentura (27 anos) e María Oreiro (16) eran fillas lexítimas de Francisco e María Blanco. Máis novas aínda morreron, aos 22 e 15 anos respectivamente, Brígida e María Pasantes, nacidas de José e Vicenta Pérez. Por último, as irmás Juana e Elena París, fillas de Bernardo e María Josefa Santalla, faleceron con 17 e 15 primaveras. Dunha das afogadas concrétase que era de Buría: Vicenta Graíño, solteira de 25 anos, e filla de Francisco e María Canosa.

Maior idade (34 anos) contaba María Hernández, natural de Camariñas e filla lexítima de Santiago -xa defunto- e a súa viúva María Márquez. Os pais de Dolores Pérez, de tan só 15 anos, non eran de nacenza camariñá, pois Antonio Pérez alias Cuevas e María Arén, aínda que residentes na vila do encaixe, procedían de Santa Uxía de Ribeira.

Dixemos xa que a falecida de maior idade (60 anos) era a viúva de Domingo Mancebo, Cayetana Lema, da que sabemos que tiña un fillo, Francisco, viúvo á súa vez de María Dolores Ferrel. Pero a máis inxusta e conmovedora das mortes sería a de Juan Senande, «párvulo de 6 años natural de Camariñas».

Antes de ser venerado en calidade de santo -como en Carnés, Baio, Nemiña Cerqueda ou Lema-, a lenda conta que nunha ocasión Cristovo axudara a cruzar as augas dun torrente a varias persoas, e que unha delas era Cristo neno, de aí o nome grego Cristóforo, que significa «portador de Cristo», e do que derivan Cristovo e Cristóbal. Isto explica tamén a súa representación iconográfica, co neno Xesús sobre os ombreiros.

Que paradoxo… e que cruel traizón: o padroeiro dos condutores non se dignara a protexer os seus propios romeiros, a axudarlles a cruzar con éxito as augas do río do Porto para presentarlle os seus devotos respectos!