«O teatro engancha dun xeito único»

Segunda edición da cita en Camariñas, e Paco Albarellos repite no papel protagonista do desembarco teatral: Alfonso IX

.

Paco Albarellos, docente de profesión e na actualidade exercendo en A Laracha, encargará unha vez máis ao monarca Alfonso IX na representación teatral incluída na cita O Encaixe no Camiño, que se celebrará en Camariñas esta mesma fin de semana.

-A experiencia do ano pasado debeu ser boa, pois repite.

-Pois para ser a primeira vez que se facía tivemos un resultado moi satisfactorio. Quedamos moi contentos todos.

-¿Repite todo o elenco?

-Hai un par de compañeiros que volven coma min, pero o resto van probar este ano.

-¿Qué historia se agocha trala representación que fan?

-É esencialmente unha adaptación teatral da chegada do rei Alfonso IX a Camariñas. Naquela viaxe axustou a situación das terras da comarca e o reparto dos dezmos, solucionando así as liortas que había entre os bispados de Mondoñedo e Compostela. Para isto contou, fundamentalmente, coa axuda do Conde de Traba.

-Non tomarán o porto como único escenario desta historia.

-Pois non, pese a que o punto de partida será o porto de Camariñas, despois percorreremos a pé un par de vilas, como son Xaviña e Cereixo.

-A súa relación coa vila de Camariñas, porén, non se cingue a estas actividades teatrais.

-Pois non, Camariñas foi de feito o meu primeiro destino como docente, e aí estiven un montón de anos, non só como mestre, senón como membro do equipo directivo do centro. É unha terra á que lle teño un aprecio especial e coa que manteño unha relación emocional moi difícil de describir.

-¿Foi este o motivo polo que pensaron en vostede para que encarnara a Alfonso IX?

-É que eu comecei a facer teatro en Camariñas, tivemos un grupo de teatro durante moitísimos anos, e sigo moi vinculado á vila. De feito dende hai varios anos facemos un espectáculo na Punta do Boi sobre os naufraxios.

-¿Como compaxina a docencia e a interpretación?

-É moi complicado combinar ambas cousas, aínda que este ano, como me xubilo, xa me poderei dedicar por completo á interpretación. O teatro engancha dun xeito único, aínda que é moi complicado vivir del como profesión.

Andaina posterior: deica Cereixo, con paradas en Xaviña e A Ponte do Porto

Á representación teatral do desembarco, que abrirá o programa este mesmo sábado, seguiralle unha andaina moi especial de cara a Cereixo, pasando por localidades como Xaviña ou A Ponte do Porto. «Foron puntos clave da zona naquel momento, e mesmo hoxe en día aínda o seguen sendo», expresa Paco Albarellos.

Segundo indica Olga Campos, presidenta da Asociación de Empresarios de Camariñas, ao longo da camiñata farase parada en Xaviña [con representación teatral incluída] e en A Ponte do Porto. Ao chegar ao destino final, Cereixo, tamén haberá unha pequena intervención dramática para completar toda a andaina.

Aínda que a participación é completamente gratuíta, dende a organización recomendan inscribirse previamente, para así poder facer uso do autobús que levará aos participantes de volta a Camariñas. Poden anotarse en asociacionempresarioscamarinas@gmail.com ou no teléfono 647 60 81 58.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«O teatro engancha dun xeito único»