Don Camilo e Pepone

Vicente de Lema ONDA MAINA

CAMARIÑAS

26 jun 2018 . Actualizado a las 21:30 h.

Giovannino Guareschi é o autor das célebres liortas entre de Don Camilo e Peppone, un crego e mais un alcalde comunista na Italia posterior á II Guerra Mundial. Claro que Guareschi acababa sempre deixando mellor parado ó clérigo có mandatario, como cristán e anticomunista que era. Aínda así, a Peppone adobiáballe un corazón de ouro, pero o bo xuízo estaba case sempre do lado do cura. Na nosa bisbarra ten habido célebres disputas entre sacerdotes e alcaldes nos últimos decenios. En Camariñas houbo un tempo no que ata tres párrocos pleitearon co Concello. Mesmo moitos veciños acabaron durmindo na catedral de Santiago polos enfrontamentos entre relixión e política. Noutros lugares ten habido guerras soterradas. Tampouco se llevaban alá moi ben un cura de Brens e un dos rexedores que mandaron longo tempo en Cee, con homilías incendiarias incluídas. Claro que o finado Andrés Rodríguez tiña experiencia nos asuntos municipais, pois chegou a ser concelleiro. Hai xa tempo que entre a Igrexa e os consistorios hai paz, tal vez pola boa vontade das partes. O clima nos últimos tempos é benigno. Mesmo chama a atención como en Carballo o alcalde acode con asiduidade á chamada do párroco de San Xoán. As loitas tipo Don Camilo e Peppone levan un tempo esquecidas neste recuncho, se ben hai rexedores que se queixan dos cregos pouco dados á colaboración e a ceder terreos para instalacións públicas. E agora veñen en Baio co rurrún de que non houbo misa na Carballeira. A ver se van ter que facer un referéndum como en Fisterra.