«Para min é o logro máis importante que alcancei na miña vida»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Ana Garcia

O vimiancés Damián Espasandín e a camariñá Paula Esteiro acoden por vez primeira ó mundial de seleccións de Italia

12 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o día. Ese co que todo deportista soña na súa traxectoria: con representar ó seu país; neste caso, a España. Porque si, na Costa da Morte sobra potencial. E Damián Espasandín (Vimianzo, 1985) e Paula Esteiro (Camariñas, 1980) forman parte diso. Tras quedar segundo e primeira clasificados, respectivamente, na categoría elite masculina e feminina da liga nacional de carreiras de obstáculos (OCR) do 2017, este sábado pola mañá acoden por vez primeira ó mundial de seleccións nacionais que se celebrará en Olbia (Sardeña, Italia), xunto ó vigués Cristhian Zarta e á valenciana Ana Chillerón. Todo un privilexio para eles e un orgullo para a comarca. Espasandín, que o ano pasado xa estivo convocado como suplente aínda que finalmente non asistiu, falou onte sobre as dificultades e obxectivos a ter en conta.

-¿Cando parten cara a Italia?

-Chegamos xa hoxe [onte] pola mañá. Necesitamos estar un par de días antes para explorar o percorrido da proba, ver que terreo hai e mais o desnivel, así como que tipo de obstáculos. Mañá [hoxe] probaremos todo, e o venres iremos a unha charla informativa sobre as normas e mais aproveitaremos para descansar, para xa o sábado dálo todo.

-¿A que circuíto se enfrontan?

-É un percorrido de 15 quilómetros por montes, con moitos obstáculos, subidas e baixadas, e area e auga. Todas as seleccións saímos xuntas, e a que primeiro chegue é a que se proclama gañadora. Isto quere dicir que os catro compoñentes de cada combinado temos que ir ó mesmo ritmo. De momento, o tempo está mellor que aí, aínda que para estes días dá chuvia e rezamos para que non sexa así, pois aumentaría a dificultade ó dobre.

-Daquela, prepararían bastante a coordinación, ¿non?

-Non se crea. Por iso é conveniente ir uns días antes, para facer unha boa estratexia de cara á entrada a cada obstáculo. Pero temos sorte de que Cristhian e mais eu xa nos coñecemos por estar no mesmo equipo masculino.

-¿A que seleccións terán que medirse?

-Participan ó redor de 15 países e os máis destacados son Canadá e os EUA, porque teñen dúas seleccións moi boas, e entre os europeos, Francia e Alemaña.

-¿Como ve o seu combinado?

-Non queremos marcarnos un obxectivo como gañar o Mundial porque sabemos que é complicado. Pero si que pensamos que temos un bo equipo e cremos en nós, de maneira que buscamos quedar o máis arriba posible.

-¿Serán capaces de mellorar a marca española lograda no 2017?

-A selección do ano pasado quedou da metade da táboa para abaixo porque era un sistema por relevos e o equipo que traían saíu prexudicado nese aspecto. Pero nós vimos con moi boas vibracións, se ben é certo que tivemos unha pequena sorpresa de última hora. Que un dos nosos compañeiros caeu hai un par de días e vén bastante magoado dun cóbado. Pero confiamos en que responda ben ós obstáculos.

-¿Que significa para vostede chegar ata aquí?

-Para min é o logro máis importante que alcancei na miña vida, porque aínda que xa o ano pasado participei nos campionatos de España, Europa e do Mundo, o só feito de estar aquí e poder participar xunto ós mellores de cada país xa é un triunfo moi grande. Pero de momento aínda non son consciente. Estou moi relaxado. Xa virán os nervios a partir do venres. O que teño claro é que os podios non son o máis importante, senón gozalo.

-Pero non foi un camiño de rosas, ¿non?

-Por suposto que non. Comportou moitísimos quilómetros, madrugas, marchar un venres competir e regresar un domingo tendo que levantarse un luns para ir traballar... Pero, sobre todo, o adestramento diario, que non baixou das dúas ou tres horas.

-Pero a recompensa vale a pena.

-Si, xa recibimos moitas mensaxes de apoio. Hai moita xente pendente de nós.

-Pese a iso, segue sendo considerado un deporte minoritario.

-Si, aínda que cada ano vai a máis, tanto en participación como en recoñecemento. Aínda non é un deporte olímpico, pero si que hai federacións europeas e mundiais loitando por que así sexa. En España réxese por unha organización, pero cremos que para o próximo ano dará ese salto a deporte nacional.

-A tempada acaba de comezar.

-O mellor está por vir. Van só tres carreiras de liga nacional e na categoría absoluta vou cuarto, e na de por idades, segundo.

-Ten 32 anos. ¿Quédalle algún obxectivo por cumprir?

-Nunca me darei por satisfeito. O obxectivo sempre é mellorar ano a ano. Gustaríame quedar máis arriba no campionato de Europa e do Mundo.