As pragas do inferno


Cada tempo ten os seus traballos, as súas glorias e as súas miserias. Tenos habido peores, pero ao noso chégalle ben. Cando aldeas enteiras se quedan case desertas e os nosos velliños fican na soidade a pesar dos sacrificios que fixeron para criar fillos e netos, parecía que xa pouco máis lonxe se podía ir neste período de decadencia humana. Os mundos rompen por todas partes e os esquemas máis fiables acaban en papel mollado. Un pesimista non deixaría de repetir que ata somos castigados con infinidade de pragas. Xa non abondaba co despoboamento e chega a velutina e ataca sen dó. A nespra asiática acaba con abellarizas enteiras. Aparecen niños ata nos xardíns municipais. Afeccionados, Protección Civil, concellos e Xunta non dan feito na loita contra o insecto invasor. Din os entendidos que vén para quedar, como no seu día chegou o escaravello da pataca ou a mixomatosis, que acabou cos coellos e mesmo coas aves e outros animais salvaxes que se alimentan destes roedores. O caso é que cando a loita contra a velutina está en auxe, chega á Costa da Morte outra praga ben temida, a couza guatemalteca. Vén para acabar cun dos bens máis prezados para as nosas mesas, a pataca. O bichoco diabólico. Muxía enteira, Vimianzo, Dumbría, Camariñas, Fisterra e Cee, son partes afectadas. Unha moratoria sen producir tubérculos. Unha fame. Se ata a grafiosis acaba cos chopos das poesías de Antonio Machado. Debe ser o castigo da globalización. Os males corren o mundo enteiro sen achar fronteiras nin límites. E o papa Francisco di que non hai inferno. ¿Non será que se está formando aquí?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

As pragas do inferno