«Diríalles que se acheguen para ver a innovación na tradición»

La Voz

CAMARIÑAS

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A tan só unha semana e media para, a nova edición da Mostra do Encaixe perfílase moi prometedora. Entre as novidades, haberá un ciclo de cine interpretado só por mulleres.

-A Mostra acaba de recibir o Premio Honorífico Nacional á Moda, por manter viva a tradición do encaixe. ¿Como acolleron a nova?

-Eu recibino moi orgullosa, e lembreime moito de todos aqueles anos nos que axudaba sen nada a cambio, só por gusto. Son moitas as persoas e actividades que cada ano aportan o seu gran de area para que isto saia adiante. Falo dos voluntarios, hostaleiros, empresas, medios de comunicación... Así que este galardón é de todos.

-O sector do encaixe sempre estivo enlazado á muller. A Mostra deste 2018 promoverá un ciclo de cine, con filmes interpretados só por donas. ¿Como xurdiu a iniciativa?

-Propúxonolo unha empresa que leva este tipo de actividades, e pareceunos estupendo. Xa que se trata dunha artesanía feita por mulleres, temos que poñerllos por unha vez en valor. Palilleiras, e a moita honra! [ri]

-¿Por que animaría á xente a ir a Camariñas esta Semana Santa?

-Diríalles que visiten a Mostra para observar a innovación na tradición do encaixe. Que se cheguen e valoren as mans desas palilleiras que pasan horas e horas traballando. E tamén para ver a pasarela, a única do mundo onde se aplica artesanía.

-Camariñá, de familia de palilleiras e directora da Mostra. ¿Como vive que isto medre e se internacionalice ano tras ano?

-Estou moi satisfeita, tanto das palilleiras, que son o piar fundamental, como do noso pobo e comarca. É todo un conxunto. Os restaurantes tratan co público e, se o fan ben, os visitantes volven. Adoito insistir en que todos somos un equipo.

-¿E non se cansa?

-Non, para nada. Estou ilusionada coma se fose o primeiro día. Levo case unha semana vivindo na oficina porque me agrada o meu traballo. Tamén teño a sorte de que meus pais me poden atender á cativa. Parte do que son débollo eles, que sempre me botan unha man.