«Adoitaba ser a nai da nai quen collía ás netas e lles ensinaba a palillar»

Paula Vázquez CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Diego Alonso

Dolores Lema anima á xente para acudir a Camariñas esta Semana Santa e ver a pasarela da Mostra, única no mundo

19 mar 2018 . Actualizado a las 12:47 h.

María Dolores Lema Mouzo (Camariñas, 1972) é a directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, que este ano celebra a súa 28 edición. Para Dolores, a paixón polo palillo vai nas veas e, aínda que ela xa non segue tecendo encaixe, sostén que a tradición milenaria pode ser unha vía de futuro para os máis novos. «Agora mesmo é un luxo que os cativos palillen, pero desde o Concello xa se traballa nas escolas e, por agora, funciona ben», di.

-¿Desde cando ocupa este posto?

-Desde o ano 2013. Eu xa era voluntaria desde a cuarta Mostra. E logo, casualmente, o anterior director cambiou de traballo e chamoume a min.

-Xa pasou tempo desde aquela. ¿Como recorda os inicios no cargo?

-Pasar de poñer unha man como voluntaria a que te chamen para traballar foi como unha lotaría para min. Recordo un equipo marabilloso e un comezo con moito cariño e ilusión.

-Falamos de séculos de historia. Hai anos que, mentres as mans dos pescadores se pelexaban coa aspereza das redes do mar, as mulleres de Camariñas trenzaban fíos de liño para sustentar a economía familiar. ¿Na súa casa tamén era así?

-A miña casa era unha máis das comúns da comarca. Miña avoa facía palillo. Ela foi quen nos ensinou a min e a miñas primas a palillar. Eu sempre digo que tódalas mulleres de Camariñas saben tecer encaixes. Tanto á miña xeración como á anterior ensináronnos as máis vellas da familia. Era a nai da nai quen collía a todas as súas netas e as preparaba no oficio. Elas sempre dicían iso de que nunca se sabe a onde se pode chegar, e mira que razón tiñan! Penso que nunca ocupa lugar coñecer a tradición e a artesanía da túa terra.

-Vostede non segue tecendo. ¿E os seu fillos?

-Agora mesmo é un luxo que os cativos aprendan a palillar. Eu teño dous fillos, un rapaz de dezaoito que non o fai, e unha rapaza de once que si palilla desde os cinco.

-¿Tamén lle ensinou a súa nai como é costume?

-Non. Ela aprendeu a palillar cunha das profesoras das escolas municipais que contratou o Concello hai uns anos para revalorizar o encaixe na ensinanza. Elas expóñenlles fíos de cores e debuxos marabillosos que fan que os rapaces se animen. E non é só cousa de nenas, xa temos tres cativos que tamén o fan.

-¿Pode entón o encaixe ser unha vía de futuro para os mozos?

-Si, o Concello, apoiado pola Deputación e a Concellería de Industria, está apostando moi forte neste sentido. Cremos que o palillo si ten futuro entre os máis novos.

«O fundamental da Mostra é a aplicación do encaixe na moda e produtos actuais»

-¿Palillar segue sendo un modelo de vida en Camariñas?

-Efectivamente. A economía xeral do pobo susténtase no mar, pero co mal tempo dos últimos meses isto resentiuse moito, e o aporte das ventas do encaixe axuda bastante.

-Este ano celébrase a 28 edición. ¿Como mudou a Mostra durante todo este tempo?

-O fundamental da Mostra hoxe en día é a aplicación do encaixe na moda e noutros produtos de vangarda. A xente nova incorpora materiais innovadores que van máis aló do algodón branco de toda a vida. E a nivel de deseño, non ensinan o pano típico, por exemplo. Incorpóranse novos complementos como pendentes, aneis, broches...As palilleiras fíxanse moito nos deseñadores que cada ano chegan á Mostra, e que adoitan ser moi progresistas. Digamos que agora compartimos experiencia e coñecemento, o que nos enriquece moito.

-O encaixe persegue a declaración de patrimonio da humanidade desde hai un tempo. ¿Cre que desta irá a vencida?

-É un tema moi custoso, no que estamos traballando con outras dúas delegacións de Italia e Portugal. Queremos que a Mostra se declare como Festa de Interese Nacional, e por iso seguimos apostando.

«Diríalles que se acheguen para ver a innovación na tradición»

A tan só unha semana e media, a nova edición da Mostra do Encaixe perfílase moi prometedora. Entre as novidades, haberá un ciclo de cine interpretado só por mulleres.

-A Mostra acaba de recibir o Premio Honorífico Nacional á Moda, por manter viva a tradición do encaixe. ¿Como acolleron a nova?

-Eu recibino moi orgullosa, e lembreime moito de todos aqueles anos nos que axudaba sen nada a cambio, só por gusto. Son moitas as persoas e actividades que cada ano aportan o seu gran de area para que isto saia adiante. Falo dos voluntarios, hostaleiros, empresas, medios de comunicación... Así que este galardón é de todos.

-O sector do encaixe sempre estivo enlazado á muller. A Mostra deste 2018 promoverá un ciclo de cine, con filmes interpretados só por donas. ¿Como xurdiu a iniciativa?

-Propúxonolo unha empresa que leva este tipo de actividades, e pareceunos estupendo. Xa que se trata dunha artesanía feita por mulleres, temos que poñernos por unha vez en valor. Palilleiras, e a moita honra! [ri]

-¿Por que animaría á xente a ir a Camariñas esta Semana Santa?

-Diríalles que visiten a Mostra para observar a innovación na tradición do encaixe. Que se cheguen e valoren as mans desas palilleiras que pasan horas e horas traballando. E tamén para ver a pasarela, a única do mundo onde se aplica artesanía.

-Camariñá, de familia de palilleiras e directora da Mostra. ¿Como vive que isto medre e se internacionalice ano tras ano?

-Estou moi satisfeita, tanto das palilleiras, que son o piar fundamental, como do noso pobo e comarca. É todo un conxunto. Os restaurantes tratan co público e, se o fan ben, os visitantes volven. Adoito insistir en que todos somos un equipo.

-¿E non se cansa?

-Non, para nada. Estou ilusionada coma se fose o primeiro día. Levo case unha semana vivindo na oficina porque me agrada o meu traballo. Tamén teño a sorte de que meus pais me poden atender á cativa. Parte do que son débollo a eles, que sempre me botan unha man.